Afundación presenta no Salón do Cómic de Navarra a súa mostra antolóxica sobre o ourensán David Rubín

I A exposición, con máis de 230 obras, é a más ampla da historia do salón, que celebra a súa duodécima edición

I Un percorrido pola traxectoria do que é un dos autores imprescindibles da ilustración contemporánea que se poderá visitar na Sede Afundación de A Coruña tralo seu paso polo prestixioso certame

AVANTAR ACTIVIDADES

Afundación, a Obra Social de ABANCA inaugura mañá no Salón do Cómic de Navarra «Sacrificio e ascensión. 15 anos de cómic de David Rubín», unha exposición antolóxica do creador ourensán que percorre a traxectoria dun dos autores imprescindibles da ilustración contemporánea. A mostra, que presenta máis de 230 obras, é a máis ampla nas doce edicións do salón e poderá visitarse desde mañá ata o próximo 3 de outubro no Palacio do Condestable de Pamplona.

Na rolda de prensa de presentación, celebrada este mediodía no marco do Salón do Cómic, estiveron presentes Jorge Urdánoz, director de Cultura e Igualdade do Concello de Pamplona; María Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación; Alberto Rodríguez, codirector do Salón do Cómic de Navarra e Asier Mensuro, comisario da exposición.

A exposición presentouse en 2020 en Ourense, a cidade natal do artista e, tras o seu paso polo prestixioso certame, poderá visitarse na Sede Afundación de A Coruña. «Sacrificio e ascensión. 15 anos de cómic de David Rubín» percorre de maneira antolóxica as diferentes etapas, influencias e series desta gran figura da ilustración, partindo dos seus primeiros traballos en Galicia para acabar cos últimos no mercado americano. David Rubín (Ourense, 1977) é un dos historietistas españois máis recoñecidos nos últimos anos. É cofundador do colectivo Polaqia, formado por historietistas de Galicia. En 2020 foi candidato a catro premios Eisner en catro categorías diferentes.

Desde uns duros comezos en que o cómic era unha paixón, máis que un traballo, ata o momento actual, en que deveu nun dos historietistas máis solicitados do panorama internacional, esta é a exposición máis extensa realizada sobre este autor, con máis de 230 obras, en que se reflicten todos os seus fitos creativos.