A Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola de Xinzo volven xuntas este ano para converterse no mellor escaparate para a difusión e coñecemento da Limia e dos seus produtos
No evento, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de setembro no pavillón municipal e nos seus exteriores, daranse cita máis de trinta expositores e ofrecerán degustacións gastronómicas durante os tres días que dure a Feira
O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou hoxe na inauguración de Alimagro 2021 onde puxo en valor o labor que ven realizando desde hai máis de 20 anos o Inorde a prol do sector agrícola da provincia de Ourense a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro situado en Xinzo de Limia.
Alimagro 2021 conxuga nun mesmo evento a Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola de Xinzo que este ano volven xuntas para converterse no mellor escaparate para a difusión e coñecemento da Limia e dos seus produtos. No evento, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de setembro no pavillón municipal e nos seus exteriores, daranse cita máis de trinta expositores e ofreceranse degustacións gastronómicas durante os tres días que dure a Feira. No interior do pavillón estará ubicado todo o relacionado coa pataca, mentres que no exterior estará toda a maquinaria agrícola.
Na súa intervención hoxe na inauguración de Alimagro, Rosendo Fernández salientou o papel da comarca da Limia como unha das principais zonas agrícolas da provincia de Ourense, “tanto polo número de agricultores que conforman o tecido produtivo, como polo impacto económico que supón para a renda provincial correspondente ao sector primario”. Por elo, Rosendo Fernández dixo que o Inorde apoia este tipo de eventos porque “poñen en valor toda a riqueza técnica e humana da que dispón esta comarca”.
Neste sentido, Rosendo Fernández destacou a sensibilidade que sempre demostrou o Inorde co sector primario da nosa provincia e, proba dese compromiso foi a creación en 1998 do actualmente coñecido Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, para dar resposta a problemáticas agrícolas do territorio. E, máis de 20 anos despois, o Centro, que ten carácter provincial, “continúa a realizar un groso do seu traballo en relación aos agricultores e cultivos da Limia, pois preto de 2500 análises de solo realizáronse na comarca, acompañadas doutras 2000 analíticas de determinación de nematodos en parcelas destinadas ao cultivo da pataca (na campaña que vai desde setembro 2020 ata agosto 2021)”.
O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro conta coa acreditación para a realización de ensaios de produtos agroalimentarios segundo a norma 17025 por ENAC, sendo o único laboratorio de España acreditado para a determinación de nematodos do xénero Globodera en campos de pataca, “o que supón un importante esforzo humano e económico”, sinalou o presidente do Inorde.
O traballo do Centro vai máis aló dun acompañamento técnico en cada un dos ciclos dos diversos cultivos, e encárgase tamén de realizar visitas a campo, recomendacións de fertilización, identificación de patóxenos, analíticas de calidade dos cultivos, e asesoramento no manexo, almacenamento e transformación.
Así mesmo, en terreos da antiga Lagoa de Antela, o Inorde mantén unha finca de ensaios de 21 ha, na que se realizan experiencias de campo encamiñadas a testar novas variedades e novos cultivos, adquirir experiencias en novos tratamentos fitosanitarios, en innovadoras estratexias de fertilización e novos xeitos de loitar contra as pragas, co obxectivo de achegar información veraz e de primeira man aos agricultores da Limia.
Novos retos de futuro
“O panorama actual estanos a esixir novos esforzos e novas formas de entender a agricultura, e para afrontar eses retos de futuro, desde o Inorde colaboramos activamente no proxecto Soil Diver Agro que, coordinado pola Universidade de Vigo, está a buscar e estudar alternativas que permitan un uso do solo máis sostible e respectuoso coa biodiversidade” lembrou Rosendo Fernández. Por outro lado, o Inorde tamén está inmerso no proxecto Circular Labs que promociona a economía circular e, a través do cal, vaise a crear nas instalacións do Centro de Desenvolvento Agrogandeiro, “un laboratorio circular rural que sirva como planta piloto para todos aqueles agricultores innovadores que queiran experimentar novos produtos ou novos xeitos de aproveitar produtos xa existentes”, engadiu o presidente do Inorde.
Seguindo coas necesidades actuais do mercado, Rosendo Fernández destacou a importancia de que os produtos do agro da Limia logren visibilidade nas redes de comunicación e sexan partícipes dos beneficios que supón ter presenza no mundo dixital, por elo, desde o Inorde, a través do proxecto europeo Red Agriconect 4.0, estase a dotar ás empresas inscritas no programa de ferramentas para poder dixitalizarse e modernizarse, accedendo así as vantaxes que ofertan as novas tecnoloxías.