O concelleiro Luis Seara afirma que “con voa vontade e información precisa, estou seguro de que a recalificación sae adiante”
O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense instou na Xunta de área de urbanismo á concelleira Sonia Ogando a convocar unha xuntanza para falar da parcela na que se ubicaba a antiga estación de buses e na que a Xunta de Galiza ten prevista a construción dun centro de maiores.
Ante as dúbidas legais existentes a día de hoxe, relacionadas sobre todo co dereito de reversión dos propietarios entre outras, así como as dúbidas manifestadas públicamente pola propia veciñanza da zona en relación coa concreción das súas demandas, o concelleiro Luis Seara propuxo a convocatoria dunha reunión urxente entre os portavoces dos diferentes grupos municipais, a concelleira de urbanismo, unha representación da veciñanza, da Fundación Amancio Ortega e da Xunta de Galiza pois segundo manifestou Seara “con voa vontade e información precisa a recalificación sae adiante”.
Proposta de instalación de terrazas no mirador da rúa Ribeiriño
En relación co anuncio feito onte polo alcalde de querer instalar un establecemento hostaleiro no mirador existente na baixada da rúa Ribeiriño, o BNG ven de solicitar acceso, vista e copia a dito expediente.
Termalismo
O máis significativo da Xunta de área desta mañá foi, segundo o BNG, o feito de que a concelleira Flora Moure afirmou que aínda acababan de contratar estes días a redación do proxecto para a apertura da piscina termal das Burgas.
O realmente chocante para os nacionalistas é que a redacción de dito proxecto e segundo afirmou a propia concelleira delegada nunha sesión plenaria, xa a deixara contratado antes de abandonar o Goberno Local.