O delegado territorial da Xunta reúnese con representantes veciñais do Pino para abordar o proxecto de revitalización do barrio

  • Gabriel Alén trasladou a necesidade dun acordo político no Concello de Ourense para desbloquear urbanisticamente o proxecto da residencia da terceira idade que a Xunta prevé construír no solar da antiga estación e facer posible tamén a reforma da rúa D

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse  esta mañá con representantes das Asociacións de Veciños ‘Santa Ana do Pino’ e ‘As Termas’ para abordar a situación do solar da antiga estación de autobuses de Ourense e o proxecto de revitalización do barrio.  

O delegado territorial lembrou que técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade veñen mantendo encontros cos representantes veciñais dende principios de ano para escoitar as súas suxestións e atender as súas demandas en relación a ese espazo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén explicou que tras a demolición do vello edificio, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do proxecto para a ampliación e mellora da rúa D e da senda peonil da contorna da actual estación de autobuses de Ourense, que contempla un investimento de 650.000 euros, unha actuación vinculada á construción da nova residencia da terceira idade, que precisa dun acordo político no Concello de Ourense para facilitar o seu desenvolvemento desde o punto de vista urbanístico.

Gabriel Alén subliñou que a Xunta impulsa a construción nese solar dun centro integral público punteiro de atención ás persoas maiores da cidade. Esta nova infraestrutura, que financiará, construirá e equiparará a Fundación Amancio Ortega, integrarase na rede pública autonómica e situará á provincia á vangarda europea dos coidados ás persoas maiores. Suporá un investimento duns 12 millóns de euros e permitirá poñer á disposición das familias de Ourense 120 prazas públicas.

O representante do Goberno galego manifestoulle que a prioridade da Xunta é impulsar e revitalizar o barrio do Pino, logo de quedar liberado o espazo da vella estación coa execución e posta en servizo da nova terminal de autobuses intermodal no barrio da Ponte.