Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Víctor Campio Pereira (Garabás, Maside, Ourense, 1928-Ourense, 2018).

“Eu son esencialmente un poeta de circunstancias, non de oficio. Escribín sempre ao meu aire, e son un home máis ben solitario. Ademais, para escribir en galego había que ter certas motivacións, ser empuxado por alguén… “, iso anotou en marzo de 2009, no suplemento Luzes de El País, cando lle preguntaron porque agardou a 1987 para publicar o seu primeiro poemario en solitario, O ar que nos leva.

Estudou no Seminario e na citada entrevista de El País, relatou que “cando deixei a aldea, en Garabás, viñen ao seminario, onde me atopei con Faustino Rey Romero. El inicioume na literatura. Estábanos prohibido ler, xa non che digo en galego, pero o feito é que Faustino conseguía libros. Un día sacoume do xergón da cama Aires da miña terra, e Bécquer…”. Deseguido o servizo militar en Tetuán, onde coñeceu a Rafael Sánchez Ferlosio, experiencia da que ao cabo dos anos sairía a súa novela Baixo o sol do Magreb (1998).

O propio poeta lembra aquel tempo na mesma entrevista: “saía do seminario e, de súpeto, estaba de quinto nos regulares de Tetuán. O de Sánchez Ferlosio… Eu estaba lendo ao colombiano Vargas Vila, que estaba prohibido na Península, e alá chegou co pelo rapado a preguntarme qué estaba lendo. Tampouco lle gustaba Faustino Rey Romero, só lle gustaban os sonetos de Antonio Machado, dicía… Era raro. Poeta non era, senón filólogo. Escribíase con Cela, anque despois souben que non se podían ver, e sobre todo coa moza, daquela Carmén Martín Gaite.

Como non tiña diñeiro porque se levaba mal co pai, o ministro Sánchez Mazas, deixabámoslle cartos para enviar telegramas tan breves como “angustiado sin carta. Telegrafíame. Te quiero. Rafael”. Eu estaba de mestre na Academia de Analfabetos, ensinando aos soldados. Quíxeno meter comigo, pero el [ri] non soportaba aos analfabetos”.

Pasada a estadía africana, estudiou na Escola Normal do Maxisterio de Ourense, exercendo como mestre en Galicia, A Mancha e Levante. Anos despois licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Complutense de Madrid, pasando ao INEMAD (Instituto Nacional de Enseñanza Media a Distancia), ata retornar a Ourense para impartir docencia no Instituto As Lagoas.

Cando estudante en Ourense coñeceu a Xosé Conde, Antón Tovar, Pura Vázquez e Faustino Rey, todos ao redor da revista Posío. Arte y Letras, fundada en 1951 e onde publicou poesía, o que tamén facía na revista Mirador galaico da cidade, promovida por Publicidad Central.

Tamén nos primeiros anos 50, participa nunha tertulia no restaurante Zarampallo en Ourense con Xosé Fernández Ferreiro, Manuel de Dios, Alfonso Pazos, Serafín Gómez Pato, Xosé Corral Díaz e Antón Tovar, con eles crea a revista Xente nova, na que tamén publica.

Fundou as revistas Aula I e Tagore, con fins educativos e colaborou, durante cinco anos, nos suplementos pedagóxicos da revista Escuela Española. Ao longo de varias décadas, textos seus apareceron tamén en Alcazaba (Tetuán), Trebo (Ourense), Dorna (Santiago), Cadernos do Támega (Portugal) e Zorgai (Bilbao), entre outras .

Colaborou activamente nas actividades culturais da cidade nos últimos anos da ditadura e na democracia, e escribiu en revistas e xornais locais, e en particular en La Región. Foi membro correspondente da Real Academia Galega no 2010, e membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 2011. En 2008, o P.E.N. Clube de Galicia publicoulle O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006.

No ano 2011, a Xunta de Galicia promoveu Quince sonetos de amor e once poemas máis, editados por Alonso Montero. Finalmente, no ano seguinte, escolmou xunto a Edelmiro Vázquez Nadal o poemario de Xosé Conde, Ausencias, soños e rebeldías. Poesía en galego (1952-1990). [A foto é de Pablo Araujo, La Voz de Galicia].



Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández

Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”

O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “

O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “