Mediante a campaña regalaranse cheques de compra por valor de 250.000 euros
Poderanse utilizar os cheques desconto desde mañá, 10 de setembro, ata o 31 de outubro
O obxectivo é fomentar a venda en liña e complementala coa presencial
Esta mañá asinaban o acordo de colaboración os dous representantes das entidades organizadoras, Beatriz Gómez como presidenta da Federación de Comercio e Alberto Rodríguez, de Eprox. Esta campaña enmárcase na cooperación que desde fai máis dun ano puxeron en marcha estas dúas organizacións co fin de promover a venda en liña do comercio local nun momento tan complicado para o sector comercio como foi a irrupción da pandemia.
Durante a firma do acordo, Rodríguez destacaba que ‘se trata de ser agradecidos con todo o apoio e esforzo que puxo sempre a Federación de Comercio de Ourense no proxecto’ mentres que a presidenta desta entidade agradecía ‘a xenerosidade de Eprox e o apoio que sempre nos deu aos comercios locais e especialmente a Ourense”.
A campaña beneficiará a 25.000 clientes a través de cheques desconto de 10 euros para aplicalo á hora de facer as súas compras en liña nas tendas locais habituais da provincia, cuxos produtos están incorporados no mercado dixital proporcionado por Eprox. Neste sentido, Beatriz Gómez engadía que ‘o obxectivo desta colaboración é axudar na evolución dixital do comercio local, adaptándoo aos novos tempos. A chegada da pandemia reforzou a nosa intención nesta liña, polo que fai máis dun ano que impulsamos a venda en liña do comercio local para gañar competitividade e comezar así a recuperar as vendas do descenso que se estaba producindo’.
Como funciona a campaña?
Cada tenda que pertenza á Federación de Comercio de Ourense pode solicitar, sen custo para ela, un talonario por valor de 500 euros, para repartir en cheques unitarios de 10 euros e distribuílos entre os seus clientes. Para obtelo, o comercio terá que cubrir un formulario e ter presenza na plataforma en liña de Eprox. A repartición dos talonarios realizarase por orde de solicitude, polo que a Federación recomenda aos comerciantes realizar a petición canto antes.
Actualmente, máis de 400 tendas da provincia atópanse dentro da plataforma. Os organizadores lembran que aquelas que non participan aínda, pero queren adherirse, poden facelo tamén solicitando o alta a través deste portal de compras.
En canto á operativa do cliente, este só poderá usar o cheque na tenda que llo proporcionou, pero na versión en liña. Cada cliente só pode obter un cheque por tenda e para utilizalo deberá introducir na web de Eprox o código que figura nel. Unha vez validado, os 10 euros incorpóranse no seu saldo e están dispoñibles de forma inmediata para utilizar na súa próxima compra nese comercio, co requisito de que o gasto supere os 10 euros e que en cada compra poderá descontar como máximo, a través deste saldo, o 20% do valor desa compra.