O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


CATRO DÉCADAS DE GOBERNANZA:

AVANTAR ACTIVIDADES

1979-1987:AGUSTÍN LÓPEZ PEÑA

A historia dos concellos de Galicia, e a da provincia de Ourense en particular, seguen unha traxectoria en democracia moi semellante desde 1975, despois da morte do xeneral Franco, a aprobación da Constitución en 1978 e a legalización dos partidos políticos.Os dous alcaldes que precederon ás primeiras eleccións municipais de 1979 foron, Gisleno Otero (veciño do Enfreado-Dadín) e Aurelio Otero (mestre e veciño de Barro-Loureiro).

A situación na provincia é algo singular, na medida que determinados partidos de ámbito estatal se van adecuando ás peculiaridades locais. Así, o partido fundado por Adolfo Suárez, a UCD (Unión de Centro Democrático) co seu candidato Agustín López Peña (natural de Xirei e veciño na actualidade da Ponte), no concello do Irixo consegue a maioría absoluta con sete concelleiros e,o resto das forzas políticas representadas, tres e un, C. Democrática e BNG, respectivamente [ Teñamos presente que o número de concelleiros foi diminuíndo na medida que se foi producindo unha merma considerable de poboación, así, de once en 1979 pasouse a nove na actualidade].

 Dicía que a oferta partidaria de ámbito local está moi lonxe da que se presenta para o Estado, e as forzas políticas que obteñen representación nesta primeira ronda electoral quedan reducidas ás tres sinaladas anteriormente.A maioría absoluta do candidato de UCD, apoiado polo que ía ser un dos líderes provinciais en varias frontes, sobre todo na económica e política, Eulogio Gómez Franqueira(Cenlle,1917-Ourense, 1988), mestre de profesión, pero que vai sentar as bases do que   será unha “revolución” para a industria agrogandeira, sobre todo no sector avícola, ao crearse COREN e estenderse as granxas por varios concellos da provincia, e a implantación da Caixa Rural como complemento financeiro para a introdución do capital necesario para o desenvolvemento da Cooperativa.Digamos que, a provincia de Ourense ten un novo horizonte  a nivel económico. 

 A influencia de Franqueira, despois da desfeita da UCD da que chegou a ser deputado en Madrid, e a creación de Centristas de Ourense, desemboca finalmente en 1983 en Coalición Galega, como coalición electoral para as eleccións municipais dese ano.Coalición que,anos máis tarde, facilitará o acceso de X. Fernández Albor á presidencia da Xunta de Galicia.


Do libro “A Terra de Orcellón e o Irixo”, 1985

Á marxe doutras iniciativas, o concello do Irixo, con moita hulmidade, pero tamén con moita ilusión, sumárase aos sesenta concellos que financiaban o Premio de Novela E. B. Amor,que, naquel intre destacaban pola súa defensa a prol da Lingua Galega. Estamos a lembrar, especialmente, os de Redondela, Fene, Portas… Os membros do xurado, -C. Casares e F. del Riego hoxe falecidos- eran, daquela, do máis senlleiro que se podía contar na cultura galega

Será en 1983 cando, por segunda vez, Agustín López Peña obteña o apoio maioritario nas eleccións municipais baixo as siglas PG-Coalición Galega con oito concelleiros, maioría absoluta, fronte á oposición representada polo PSG: 1 concelleiro e a coalición AP-PDP-UL: 2 concelleiros.

 Nestes días entra en escena o que vai ser o segundo home forte da provincia, Victorino Núñez (Quiroga,1936-Ourense,2010), presidente que foi durante varias lexislaturas da Deputación de Ourense, así como Presidente do Parlamento de Galicia de 1990 a 1997, cuxo predecesor fora tamén ou ourensán Tomás Pérez Vidal. Aquel abandonara Coalición Galega e crea Centristas de Galicia co que concorre ás eleccións autonómicas e locais e acabará por integrarse no Partido Popular.

 En síntese podemos dicir que o período de transición do período da ditadura á democracia, en canto á alcaldía do Irixo, non supuxo un cambio substancial, nin para ben nin para mal, como sucedera noutros moitos concellos do Estado coas candidaturas gañadoras da UCD, vencellada a antigos poderes do aparato do Estado.

 Sen embargo, a presenza das forzas galeguistas e nacionalistas van impulsar novos xeitos de afrontar a realidade socio-económica e cultural, dando lugar a iniciativas que nalgúns concellos se irán consolidando nesta liña ideolóxica e interpretando a realidade con aires renovados. De non ser así, por exemplo, non se estendería a incorporación da Lingua Galega nas relacións da administración cos administrados, a creación de asociacións de carácter cultural con organización de múltiples actividades (Agrupación Cultural O Testeiro no Irixo) ou a paralización dalgúns proxectos que desde o punto de vista medioambiental resultarían prexudiciais para a contorna.

O terceiro home forte da provincia nestes ultimos corenta e cinco anos, e, en particular entre 1990-2012, como presidente da Deputación de Ourense, foi X. Luis Baltar (Esgos,1940), quen, como Secretario Xeral de Centristas de Galicia, abre unha polémica co que era presidente do PPG, Manuel Fraga Iribarne, en canto a se debería incluírse ou non a X. Cuíña Crespo (Lalín, 1950, Santiago, 2007) nas listas para o Parlamento de Galicia en 1990[Algunhas persoas recordarán que se chegou a establecer como dous bandos: “os da boina” e “os do birrete”; os primeiros, entre eles X.L. Baltar, que apoia a Cuíña, e os segundos, Fraga, Romay Beccaría ou o mesmo Rajoy].A polémica, finalmente, resolveuse amigablemente e Cuíña exerceu con man de ferro durante varios anos como concelleiro da “sobredotada” COTOP.


Actuación, previa aos actos institucionais, do Grupo de Gaitas e Danzas do Concello do Irixo

MANUEL PENEDO PARADELA (AS LAXAS-DADÍN :1959-2019) ,NOMEADO FILLO PREDILECTO DO CONCELLO  A TÍTULO PÓSTUMO, COINCIDINDO CO SEGUNDO ANIVERSARIO DO SEU PASAMENTO.

TRES DÉCADAS DE LUCES E ALGUNHA SOMBRA

 Foi en 1987, con motivo das terceiras eleccións municipais en democracia, cando se vai producir unha grave fractura na elección do futuro alcalde do concello do Irixo como resultado das eleccións municipais deste ano.

 O resultado das votacións non deixaban lugar a dúbidas en canto á representación obtida polos partidos ou coalicións presentadas e tamén en canto a sobre quen recaería a alcaldía.

COALICIÓN PROGRESISTA GALEGA : (CG=Coalición Galega; PDL=Partido Demócrata Popular; PL=Partido Liberal): 6 Concelleiros (947 Votos/49,92 %)

AP (Alianza Popular)-CCG (Centristas de Galicia): 4 Concelleiros (543 Votos/ 28,62 %)

CDS (Centro Democrático e Social):1 Concelleiro (241 Votos/ 12,70 %)

PSG-PSOE :0 Concelleiros (103 Votos/ 5.43 %)

PSG-EG::0 Concelleiros (63 Votos/ 3,32 %)

Pero, estes resultados que non ofrecían dúbida sobre quen obtivera a maoría absoluta para dirixir durante outros catro anos o futuro do concello, Agustín López Peña, que xa se encargara os oito anos precedentes, van ser resoltos a favor de Manuel Penedo Paradela, despois de que un dos concelleiros electos pola Coalición gañadora decidise apoiar a este último.

 A partir deste momento, e despois da negativa dun dos membros da súa lista a apoiar a Agustín, o día da elección de alcalde, un trásfuga,apoiado polos poderes fácticos da provincia, erixen en alcalde a Manuel Penedo Paradela, cuxa elección vai supoñer as maiorías absolutas durante o resto dos anos que van desde 1991 a 2019 ata que a prematura morte, despois de ter realizado campaña e consolidación nas eleccións no mes de maio dese mesmo ano se interpuxese no seu camiño, despois dunha longa enfermidade.

 Como queremos lembrar a Penedo na súa versión máis vital, reproducimos a continuación o “Saúda”, con motivo da celebración das festas patronais do Campo-1993.

Pleno do concello,presidido polo alcalde actual, Manuel Cerdeira Lorenzo, no que o Presidente do Parlamento de Galicia, responsable do expediente de honores, dirixíndose aos membros da corporación, autoridades e público asistente.

Cando estamos a falar de maiorías absolutas ao longo de tantos anos e a pesar do acceso á alcaldía nese primeiro mandato de xeito “espurio”, non cabe dúbida que houbo tempo para os erros e os acertos.

 Oito lexislaturas dan para moito, sobre todo, contando con maiorías tan cómodas: É en 1991 cando inicia a súa carreira ascendente baixo as siglas, CC-CDS coa que obtén 6 concelleiros e os cinco restantes: 4 para Psg-Psoe e 1 para PP.

 Será en 1995 cando co Partido Popular e con M. Fraga na Xunta de Galicia acada 7 concelleiros e o PSG-PSOE:4. Supérase a si mesmo na lexislatura de 1999 con 9 concelleiros e 2 do PSG-PSOE. E así ata practicamente o ano 2019 que, na medida que se reduce o número de concelleiros elixibles reduce o número destes ata 8 e 6 que lle deron a maioría absoluta ata o seu falecemento, anque se tiñan incorporado á desputa electoral novas candidaturas. Así, en 2015: á parte dos seis concelleiros do PP, obteñen representación: SON, PSG e PV: 1 concelleiro por cada candidatura.

 A continuación repróducese a lista de candidatos a concelleiros por ambas as dúas forzas políticas representadas na actual corporación municipal do Irixo, 2019-2023, que como é sabido se compón a Corporación de seis concelleiros do PP e tres do PSG-PSOE, sendo alcalde Manuel Cerdeira Lorenzo, que xa actuaba como tenente alcalde.

LISTA ELECTORAL 2019:PP

1. MANUEL PENEDO PARADELA

2. MANUEL CERDEIRA LORENZO

3. NURIA PENEDO TABOADA

4. JOSÉ LUIS ALÉN TRIGÁS

5. MANUEL BELLO LEIRO

6. MARIA JOSÉ VILLANUEVA DEJUANE

7. JUAN MANUEL VILLANUEVA DE CABO

8. ARTURO OTERO LOUREIRO

9. MARÍA DEL CARMEN BUGALLO MURADÁS

SUPLENTES

1. GLORIA BERNÁRDEZ BELTRÁN

2. IVÁN GONZÁLEZ PENEDO

3.MARÍA DEL CARMEN MARTÍNEZ SILVARES

LISTA ELECTORAL 2019.PSG-PSOE

1. IAGO FARIÑAS VALIÑA

2. ROSA MARÍA DALAMA LOUSADO (INDEPENDIENTE)

3. JUAN POUSADA FARIÑAS

4. MARÍA ROSA GARCÍA REINOSO

5. AURELIO BARREIRO TABOADA

6. PATRICIA NOGUEIRA CIVEIRA

7. ANTONIO FARIÑAS RODRÍGUEZ

8. MARÍA DEL CARMEN POUSADA RODRÍGUEZ

9. ELADIO HERMIDA BRAVO

SUPLENTES

1. MARÍA LUISA LORENZO NOGUEIRA

2. DAVID RODRÍGUEZ TOMÉ

3.JOSÉ ANTONIO GONZÁLEZ BRAVO

Alcalde, Presidente do Parlamento e Delegado da Xunta en Ourense

Foi o pasado 7 de agosto do ano que andamos cando se reuniu un grupo abondo numeroso de persoas para renderlle homenaxe e recoñecemento público ao que foi alcalde da localidade durante 32 anos.A praza que ata ese día fora de José Calvo Sotelo, [segundo acordo da Corporación de 14 de xaneiro de 1960  que di:”Rotulación de plaza.-Careciendo de nombre la plaza de este ayuntamiento, y resultando en cambio conveniente solemnizar la memorable fecha del comienzo del alzamiento del glorioso movimiento nacional con algún acto o de agradecido recuerdo a las figuras que en el mismo han intervenido, se acuerda dar el nombre del glorioso mártir D. José Calvo Sotelo a la mencionada plaza, rotulándola al efecto con la oportuna placa conmemorativa”/Tudense e ministro de Facenda durante a Ditadura de Primo de Rivera, contou con moitos apoios na comarca cando se celebraban eleccións a Cortes e que fora admirado polas autoridades locais, ata o punto de que nalgunha ocasión tiña pernoitado na casa Grande de Dadín, ou de don Hermesindo. Foi considerado protomártir polos defensores da Ditadura de Franco, despois de ser asasinado nas vísperas da Guerra Civil, o 13 de xullo de 1936].

 Foron moitas as mostras de agradecemento xa manifestadas, cando con motivo da súa morte o dous de agosto de 2019 a veciñanza lle expresou á familia no salón de plenos do concello e nas honras fúnebres, así como as verbas das autoridades que nesta ocasión participaron neste acto no salón de plenos do Concello e na Praza que desde ese día vai ser recoñecida como de MANUEL PENEDO PARADELA.

 O actual alcalde, MANUEL CERDEIRA LORENZO,  foi o mantedor do acto no que se viu arroupado por varias autoridades e vecindario do concello.Así, a máxima autoridade do que podemos considerar como máis representativa da gobernanza en Galicia, o Presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi quen instruiu o expediente de honores como Fillo Predilecto deste concello a Manuel Penedo Paradela, e, polo tanto, o responsable de expoñer diante os membros da Corporación Municipal a proposta de tal nomeamento.

Co máximo respecto e solemnidade, autoridades e irmáns de M.Penedo despois de descubrir a placa cuxa inscrición lle adxudica o nome á praza, a data de concesión e nome do actual alcalde

As loanzas, nas sentidas verbas do Presidente do Parlamento na honra de Penedo, foron moitas, tanto desde o punto de vista institucional como persoal.Así, e á marxe da primeira lexislatura na que exerceu como alcalde, suliñou: as súas cualidades como “home de paz”, preocupado polos problemas das persoas do concello que nalgunha ocasión, cando o sr. Santalices era responsable do Hospital de Ourense tiña acudido a el para resolver algún que outro problema, e a nivel institucional, por exemplo, destacou o que para este lle pareceu algo moi innovador:que o seu contacto coa emigración a Europa e América o levase a incluír nas listas como candidato a un emigrante. O que para Santalices viña ser como un anticipo do que no Parlamento de Galicia se viña de conmemorar coa entrega de medallas 2021 ao conxunto de integrantes da Xeración Nós e os seus discípulos.

 Despois da exposición de motivos sobre a proposta de nomeamento de Penedo como Fillo Predilecto diante os membros da corporación municipal, así como do Delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ademais das persoas que puidemos asistir, dentro das restricións impostas pola situación da pandemia, o alcalde procedeu á votación.A proposta foi aceitada por unanimidade para que Manuel Penedo Paradela pasase a formar parte da lista de honra das persoas que con anterioridade, e moitas delas por iniciativa do que nesta ocasión era o homenaxeado,pasasen a formar parte dese senlleiro recoñecemento.

 A continuación, e coa música tradicional do Grupo de Gaitas e Danzas do Irixo, así como do público que nos arredores da praza e nas cadeiras que se despuxeron para o evento, procedeuse á lectura de sendos discursos por parte do Presidente do Parlamento de Galicia, o Delegado da Xunta en Ourense e o Alcalde, Manuel Cerdeira Lorenzo. 

 Interviu en primeiro lugar o Presidente do Parlamento para reiterar o que xa adiantara no Pleno:”Que Penedo estivo dedicándose plenamente ao servizo dos demais. Penedo era así, un home que estaba sempre preocupado polos seus veciños, adicábase enteiramente a eles, un home entregado ao seu pobo,tivo tempo para todos eles”.
Pola súa banda, Gabriel Alén, e despois de lembrar os seus anos como alcalde de Cenlle, consideraba que: “Manuel Penedo foi alcalde do Irixo durante trinta e dous anos, algo que para el, ser alcalde do pobo onde se nace e selo durante tantos anos, é unha proeza, que fala ás claras da transcendencia dos feitos e do armazón da persoa, fiel e leal ás crenzas e pensamentos que abandeiraba, receptivo e conciliador”.

Alcalde Lito, Mª Jesús e Isaac

 Despois de baixar do estrado as autoridades sinaladas, o alcalde solicitou a presenza da familia de Penedo, representada polos seus irmáns, Isaac e Mª Jesús, para entregarlles unha reprodución do escudo do concello e un ramo de flores, para a continuación proceder a descubrir o lenzo que protexía a placa que dá nome á praza desde ese día.[Quizais a fachada da Casa do Concello non sexa o punto máis axeitado para render homenaxe a persoas que o mereceron ou poden merecelo].

 En representación da Deputación e do concello de Boborás asistiu a súa alcaldesa, Patricia Torres. Tamén estaban entre o público,ademais do alcalde de Beariz, Manuel Prado, o que foi deputado no Parlamento de Galicia e concelleiro no do Carballiño así como ATS no concello do Irixo, Chema Ferreiro, que no acto de despedida na súa xubilación presidira o acto o propio Penedo como alcalde que era nese momento, e no que xa participara o daquela e actual Presidente do Parlamento.

 Entre nós tamén andou, outra persoa que xa forma parte dese colectivo de persoas de recoñecido prestixio  que, como fillos predilectos ou adoptivos, lles foi  outorgado tal recoñecemento polas distintas corporacións nos últimos anos:Luís González Tosar, veciño do lugar de Guimarás, profesor, escritor e presidente do patronato da Insua dos Poetas na Esgueva, quen vén organizando diferentes actos culturais nesa especie de museo ao aire libre no que convive a arte en diferentes manifestacións: arquitectura, escultura, literatura e natureza.

[No libro: O Irixo. Patrimonio cultural inclúese unha semblanza de todos aqueles que ata o ano 2020 foron obxecto de tal nomeamento polo concello do Irixo].

 Nalgunha das pausas do acto, tivemos ocasión de intercambiar diversas impresións con algúns dos asistentes, entre outros, cos concelleiros do Partido Popular, Mª José Villanueva Dejuane, Juan M. Villanueva Decabo e co actual xefa da oposición do PSG-PSOE, Iago Fariñas Valiña.

  O acto pechouse coa interpretación do Himno de Galicia acompañado polo Grupo de Gaitas e Danzas do concello do Irixo, cuxo escudo sostiña unha belida rapaza, e cuxos promotores están a retomar a súa actividade  da man de Álvaro Penedo e dos irmáns Sela e Carlos Taboada, desde o ano 2017.

 Como curiosidade ao respecto do estandarte, chamoume a atención que, ademais dos motivos que corresponden ao escudo do concello do Irixo, e o nome de “GAITAS E DANZAS DO CONCELLO DO IRIXO” , aquel inclúe outro escudo e outra inscrición:”Buenos Aires,7-1-1996”, que, ata onde puiden averiguar debeu ser agasallo do “Centro Partido do Carballiño” de Buenos Aires, que, na actualidade, preside Emilio Nogueira Fariñas, natural de San Estevo de Cangues.

 En relación co escudo oficial do Concello, no que entre outros motivos, figuran unha árbore, o amieiro, con doce polas que simbolizan as doce parroquias e a madeira apropiada para a fabricación dos zocos, así como eses dous teixugos enfrontados, e a arracada castrexa que apareceu no castro do Cardedo, vénme á memoria a lembranza de Elixio Villaverde García, tamén fillo predilecto, que con placa noutras das fachadas que conforman a praza,xunta á da casa consitorial, foi o promotor e quen se encargou do estudo teórico para a oficialización daquel.

(Na nova praza Manuel Penedo, e con todos os respectos para quen deseñou o proxecto, creo que algúns dos motivos que se incorporaron non foron resoltos adecuadamente, por exemplo os sinais de tráfico a ambas marxes da casa consistorial, ou incluso a placa adosada á fachada. Non polo nomeamento nin o texto que incorpora, senón polo edificio).

REFLEXIÓNS PERSOAIS DE MANUEL PENEDO SOBRE A ALCALDÍA

 Podemos afirmar que Manuel Penedo naceu como animal político ou fíxose político? Pois, a verdade, pola dilatada carreira ao longo de trinta e dous anos, e despois de escoitar o prego de méritos que se lle outorgaron con motivo do seu nomeamento como fillo predilecto, pódese concluír que naceu para ser político ou, polo menos, para ser alcalde.

 De seguido imos extraer algunhas das declaracións que en diferentes medios, especialmente, nalgunhas das publicacións editadas polo mesmo concello, demostran a primeira interpretación. Así, en 2019 manifesta que:

A nosa obriga é estar cerca dos veciños,solucionando os seus problemas e tratando de mellorar o que xa temos” (Opinión moi en consonancia coa mantida polo Presidente do Parlamento no seu acto de homenaxe cando o cualifica como “Home de paz” e ao “servizo da veciñanza”).

“O Futuro do Irixo pasa polo aproveitamento dos montes, que seguen producindo moita madeira e tamén carne de calidade, a través de novas expotacións gandeiras. O problema para sacarlle unha maior rendabilidade ás terras é o minifundismo, polo que sería preciso acometer proxectos de concentración parcelaria.Tamén está aberta a posibilidade de construír un polígono industrial contemplado no PXOM, que permitiría desenvolver aquí proxectos empresariais aos emprendedores do noso municipio” (Esta idea está presente entre a veciñanza pero a Administración neste intre non a facilita a non ser naqueles casos en que se vexa certa viabilidade aos proxectos)

“…Está claro que se queremos asentar poboación temos que conservar e mellorar os nosos servizos básicos e darlles oportunidades á xente nova, que debe ser o principal obxectivo de todos os concellos do interior de Galicia que loitan contra a despoboación. E neste tempo necesitamos máis que nunca aos emprendedores e o apoio decidido das distintas Administracións públicas” (O Irixo é un exemplo paradigmático da Galicia Baleirada, e, o peor de todo, que cada ano que pasa o envellecemento da poboación e o abandono dos lugares avanzan como unha bóla de neve).

 As prioridades na xestión manifestadas por Penedo, e despois de todos estes anos, moitas delas seguen pendentes e non teñen solución doada, por iso, ás veces, non queda outra alternativa que agarrarse  a “cravos ardendo”. Chámense eucaliptos, incineradoras…porque a riqueza natural e a súa transformación perderon o carro da modernidade.Estamos a falar do monte, do agro, da carne… 


Á marxe doutras iniciativas ou motivos de satisfacción por parte de M. Penedo, creo que un de entre os que quedou constancia, e que cualifico como dos máis emotivos,é o que recolle esta imaxe no adro da igrexa de San Cosme de Cusanca, con motivo da homenaxe que lles tributaron as familias e veciños aos que faleceran na construción do túnel desde o lugar do Baluarte actual -A Cantina- ata o concello de Lalín. Segundo nos contan este camposanto foi empregado polos forense para dar fe da morte de moitas das persoas que foron vítimas da silicose.

Xa non eran aquilo que el lembraba como prioritario de cando os seus comenzos na alcaldía:

 “O tema principal eran os alumeados públicos. Na capitalidade só había 10-12 lámpadas, únicas no concello. Dotouse de alumeado a 106 pobos. …déronselle accesos á totalidade dos pobos do concello. A tráida de augas e saneamentos, había algúns feitos polos veciños (O que subscribe pode darfe diso: En Casares do Campo, por exemplo)…Temos saneamento no 80 % do municipio e traída de auga practicamente no 100%”

De seguido numera outras intervencións nas que a alcaldía tivo unha participación decisiva:

 -A modificación do trazado da estrada O Carballiño-Lalín.

-Actuacións no patrimonio etnográfico  (muíños, fornos, fontes, escolas..) e artístico (igrexas e capelas).

-Locais sociais en case todas as parroquias. (Algúns deles utilizados como velatorios: O Campo, Corneda, Loureiro, Parada, Cusanca.)

-A dinamizacón de determinados servizos: Centro de Saúde, Pavillón de Deportes, Ampliación e reforma da casa consistorial xunta co que fora Cámara Agraria, Parques Eólicos, Xeriátrico, Hotel Rural en Dadín (hoxe pechado)…

E outras nas que tiña posto o seu horizonte:

-O deseño do trazado do AVE da variante de Cerdedo A Vigo.

-Potenciación do sector primario: a madeira, a carne e o leite.

-Ampliación dos servizos sociais.

E unha ilusión por cumprir:”Que este concello en lugar de 1700 (2014) habitantes tivese 3500 veciños e todos eles con saúde e traballo. Diriamos que todas estas medidas foron acertadas e aceptadas pola veciñanza, independientemente de que fosen tomadas por contar coas maiorías absolutas na Corporación,lexislatura tras lexislatura,porque calquera outra persoa no seu cargo as tería levado a cabo con maior ou menor urxencia, porque eran ineludibles no lento proceso de modernización que se estaba dando dentro da sociedade galega e española, que, no caso do Irixo, non foi precisamente moi significativo.

Penúltima lexislatura das presididas por M. Penedo, na que,ademais do PP con maioría absoluta estaban respresentados con cadanseu concelleiro o PV, o PSG-PSOE E FAI IRIXO.

Sen embargo,determinadas iniciativas que tiveron o seu xérmolo na Alcaldía, ou porque outras administracións propuxeran levalas a cabo e foron incorporadas como propias por aquela, foron rexeitadas publicamente despois de ser aprobadas pola maioría que mantivera ao longo de tantos anos .Na maioría dos casos, a aceptación deses proxectos obedecía a que estes se estaban a ver como táboa de salvación para o emprego e fonte de recadación importante para os lugares e o concello e, polo tanto, como recurso fundamental para a fixación de poboación no rural sen ter en conta os prexuízos que supuñan na paisaxe, conservación da natureza ou de catástrofe climática polas emisións á atmosfera de gases contaminantes e o impacto medioambiental na contorna e maís alá dela.

SOBRE ALGUNHAS  SOMBRAS

 Evidentemente, trinta e dous anos de exercizo do poder, dan para moito.E como non, para acertos e erros. Este día,no que se rendía homenaxe a unha persoa da que durante tanto tempo dependeu a alcaldía non era  para sacudir os deméritos, e menos por persoas que defenderon en todo momento a súa traxectoria como alcalde. Pero, en honor á verdade, foi de coñecemento público e notorio que, algunhas medidas non contaron coa aprobación da maioría da sociedade local, aínda que si as apoiase a veciñanza dos lugares implicados e a alcaldia as avalase.

 Non foron moitos estes desaxustes entre a cidadanía e o poder establecido das administracións local, autonómica ou estatal, no que as multinacionais ou monopolios empresariais tentaron levar a cabo algúns proxectos dentro do termo municipal.

 O que primeiro foi obxecto de división de opinións entre o vecindario do concello e das forzas políticas da oposición  foi o procedemento polo cal M. Penedo puido acceder á alcaldía, cando outra candidatura, a encabezada por Agustín López Peña viña de obter a maioría absoluta.É neste baile de siglas na provincia de Ourense naquel momento, e por intereses persoais lexítimos pero non moi éticos, cando se produce un dos primeiros exemplos de transfuguismo na política española -que tan de moda se puxo recentemente-.

 Un dos candidatos electos na candidatura de Agustín López Peña, o día  do pleno no que se supoñía que  sería elixido Agustín, vota a favor de M. Penedo e co apoio deste concelleiro máis o do CDS, Penedo obtén a alcaldía por primeira vez, e as súas candidaturas, ata a derradeira que non chegou a completar, sempre van obter a maioría absoluta.Polo tanto, esa “manobra” foi profética para toda a súa andaina electoral, adaptándose aos vaivéns partidarios que, no caso da provincia de Ourense, sempre tiveron un verniz peculiar.

 Polo tanto, superada esa primeira e transcendente operación, os acordos de goberno eran doados de tomar, porque a oposición non tiña marxe de manobra para a posta en práctica dalgunhas iniciativas, e se se aceitaban era contando coa boa vontade da maioría que a partir de 1995 estivo sempre en mans do PP.

 Algunhas desas medidas ou proxectos que contaron coa aprobación e prace da alcaldía, no momento que se propuxeron levalas á práctica, cando incluso contaban coa aprobación dos lugares máis directamente implicados, foron rexeitadas polo vecindario local e de fóra. Estamos a lembrar dous proxectos especialmente polémicos, que, finalmente foron paralizados polas manifestacións en contra da poboación máis sensibilizada coa problemática ambiental: o monocultivo do eucalipto nos montes de Nogueiroa e outros limítrofes do concello de Forcarei e as emisións á atmosfera dunha planta incineradora no lugar de Tras da Costa no monte comunal dos veciños de Casares, Menaz, Orosa, A Filgueira e O Cardedo.

 A prensa do momento facíase eco de ambas problemáticas. Así, “La Región”, de 16 de marzo de 1990 titulaba que “Un consorcio luso-sueco plantará eucaliptos en un monte de Irixo”sinalando a continuación que: “En el término municipal de Irixo, en la localidad de Nogueiroa, la comunidad vecinal de montes acaba de alquilar el monte comunal para la plantación de eucaliptos durante los próximos treinta años, a un consorcio luso-sueco, por u importe total de 65 millones de pesetas”.

 O resto da noticia complétase con que un consorció luso-sueco alugara 274 hectáreas que xa están a ser decruadas, e que un grupo de veciños foi invitado a visitar as instalacións de CELBI en Beira (Portugal). Os veciños consideran que o monte está a ser infrautilizado e hai grave risco de incendios, por iso vían como unha boa opción esta decisión. As reaccións dos grupos ecoloxistas sobre o tema non tardaron en transladar á opinión pública o que elas consideraban era un grave risco de “conversión definitiva dos nosos montes en monocultivo de eucalipto” .

 “La Voz de Galicia” de 28 de abril de 1990 recolle a mesma argumentación dos veciños a favor da plantación e engaden que “el proyecto no contempla un monocultivo de eucalipto sino que recoge un porcentaje de terreno para repoblación de especies frondosas”. No comunicado lido na concentración diante a casa consistorial opoñéndose ao proxecto, sinálase directamente a alcaldía como cómplice e pídese que “recapacite y pida a las autoridades competentes la paralización de los trabajos que en la actualidad se llevan a cabo y la reconversión racional de la plantación”. A Plataforma acusa os rexedores municipais do PP-CdG de apadriñar coa súa presenza o acordo entre os veciños e a empresa de Celulosa. O caso foi que este proxecto desbotouse e a decrúa que se executara foi destinada en boa medida á plantación de piñeiros na aba dese mesmo momento que cun desnivel tan pronunciado puxera en perigo o lavado do solo.

 O outro proxecto frustado foi o que se pretendeu levar a cabo en parte do monte comunal da parroquia do Campo dos lugares anteditos e que inicialmente suscitou polémica entre os mesmos responsables municipais da contorna. Así, ao comenzo, entre especulacións e novas dispersas “La Región” de  7 de novembro de 2011, informa  que:

 “Conocer la ubicación exacta de la futura planta de tratamiento de residuos sólidos urbanos del sur de Galicia es lo que demandan vecinos del entorno más próximo a los montes comunales de las parroquias de San Cosme y Santa María do Campo (O Irixo) y también los alcaldes ‘populares’, teniendo en cuenta que, dependiendo del lugar que se elija para la ubicación, afectará en mayor o menor medida a pueblos y concellos limítrofes”

Un mes máis tarde, “La Voz de Galicia” (15-12-2011) sinala que:

 “La parroquia de Santa María do Campo será finalmente, la ubicación elegida para la instalación de la planta de tratamiento de residuos del sur de Galicia, cerca del municipio de Piñor de Cea con quien linda O Irixo y de Dozón. Son los comuneros de Casares, Menaz, Orosa, Filgueira y O Cardedo los que acordaron, en asamblea, alquilar a la empresa que asumirá la gestión del proyecto dicha superficie, Estela Eólica, por un período de treinta años y a cambio de un canon anual de 75.000 euros, que se irá incrementando cada año con el IPC.”

  Nesta ocasión, a estratexia seguida pola empresa Estela Eólica levou a cabo un “modus operandi” semellante ao desenvolto en Nogueiroa. Así, entre outras medidas de sensibilización de apoio á planta  transladan a algúns veciños ata SOGAMA-Cerceda para visitala e ver como funciona alí, e de cuxa visita, a maioría dos desprazados veñen admirados polas ventaxas que ían supoñer para O Irixo e bisbarra.
Co motivo de evitar a instalación da Incineradora, e dada a presión exercida pola Xunta e a empresa sobre a alcaldía, foron varios os actos de protesta que se levaron a cabo,así como a celebración de rondas informativas e a creación dunha plataforma, “Incineradora no Irixo, non”. O caso foi que finalmente se paralizou o proxecto pola presión social e tamén, en parte, porque os concursos eólicos que estaban nalgúns casos asociados a empresas como Estela Eólica sufriron unha parálise e así se creou un conflito que, xerou algunhas enemistades entre o vecindario, e que o tempo se encargou de superar.                                                                                    

Autoridades,familiares e amizades na clausura do acto na que xa é praza de Manuel Penedo

 Pois ben, ata aquí o que podemos considerar como luces e “algunhas sombras” sobre o que foi a xestión de Manuel Penedo á fronte da alcaldía durante estas tres dilatadas décadas, que deixaron o sabor a mel para algúns padais, pero tamén o fel amargo para outros.Polo tanto un sabor agridoce,como non podía ser menos no xogo democrático destes corenta anos de alcaldías democráticas.Hai un feito incontestable:Que ata o momento foi o alcalde de maior tempo de permanencia en presidir a corporación municipal do Irixo, que, ben seguro, será moi difícil que outras persoas o igualen ou superen.

ENTRE NÓS

 A miña relación con Penedo, algó máis novo ca min, foi moi puntual e teño que remontarme á nosa infancia para lembrar cando eu coa miña familia me achegaba ata a ferretería que no lugar das Laxas viñan atendendo os seus pais, Manolo e Maruja.A relación da súa familia cos “ferros” vén de vello, -creo que de 1923, segundo lin nalgún texto e me confirmou Isaac-, e xa os seus antergos con raíces no desaparecido lugar de  Ferradás, e Santiso (Ambos en Reádigos) da familia dos “Caldeireiros”, como se pode supoñer e puiden confirmar, tiña que ver coa fabricación de caldeiros/caldeiras de cobre e cos  ferros ou ferraduras polo “Ferradás”.Polo tanto, non será por falta de experiencia no sector ao que se veñen adicando xeración tras xeración, aínda que diversificaron a actividade e se foron adaptando aos cambios acordes cos tempos modernos.

 Lembro a seu pai e a sua nai paseando ou sentados no banco ás portas do negocio e rebuscando, no medio do incontable número de obxectos dunha ferretería, aquilo que se precisaba -Que, tampouco para a maioría dos veciños, era tanto: chatolas, caldeiros, fouciños,sachas, angazos, martelos, picos,punteiros…pero era o que había-.

 Foi na penúltima lexislatura de Penedo como alcalde, cando tiven a oportunidade de intercambiar algunha opinión con el a raíz dun proxecto de investigación que eu lle propoño e sobre o que el tamén me manifestou interese e o seu apoio:A necesidade de actualizar e normalizar a nomenclatura dos lugares e parroquias do Irixo, é dicir, a toponimia maior, e deste xeito tender a superar as deturpacións, ben fosen por castelanismo ou outro tipo de desviacións da norma.

 Lembro que, despois de expresarlle eu a miña preocupación e interese polo tema con exemplos transparentes desa anomalía, e cando levamos máis de corenta anos coa Lei de Normalización Lingüística en vigor, coméntolle que deberiamos saber a que aternos en solucións como: Nogueiroa/Nogueiroá*; O Irixo de Arriba/Irixe;O Concierio/ Coucieiro*… e así nunha morea de casos que están presentes na sinalectica e documentación pública e privada.

 Ao fío do que eu lle viña de expoñer, e el como coñecedor de todos os lugares do concello, uns xa extintos e outros ás portas de selo,e dos que eu daquela aínda non tiña unha conciencia clara da súa existencia e ubicación,a cuestión que me plantea e escribe nun posit era: De onde viría o nome do lugar “A Guixavara”? A miña reacción foi de sorpresa porque non sabía nin onde era,que orixe podía ter ou con que significado se podía realacionar.Explicoume onde se atopaba (na parroquia de Froufe) e eu comprometinme a satisfacer a súa curiosidade filolóxica aos poucos días, como así foi.

 Neste sentido, debo agradecerlle as palabras de ánimo e de apoio que me brindou e que me animaron a continuar adiante co traballo de documentación que na fin de 2020 puido ver a luz: “O Irixo. Patrimonio cultural”, que sería presentado no salón de plenos do Concello o 21 de decembro de 2020, co apoio do actual alcalde,Manuel Cerdeira Lorenzo.  

O pasado 7 de agosto puiden asistir aos actos de nomeamento de M. Penedo como Fillo predilecto do Irixo, a título póstumo. Foi o encargado do “Expediente de honores” o actual Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel A. Santalices Vieira, o que nos pode dar unha idea da alta consideración en que era tida a súa persoa a nivel humano e institucional.Que a terra lle sexa leve!

Xulio Dobarro Ferradás. O Irixo, setembro de 2021.


Outros artigos de Xulio Dobarro

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.