A Federación de Comercio de Ourense entregou o último dos premios da campaña Días Azuis do comercio galego

Trátase dunha tarxeta regalo de 150 euros para gastar no comercio local

Aroa Álvarez foi a afortunada gañadora, tras realizar a compra na zapatería World Muller
Promover a compra no pequeno comercio a pé de rúa é o obxectivo principal desta campaña

AVANTAR ACTIVIDADES

A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, facía entrega esta mañá da tarxeta prepago por valor de 150 euros a Aroa Álvarez, unha das gañadoras na provincia da campaña dos Días Azuis, impulsada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta.

A entrega realizouse no mesmo establecemento onde a gañadora fixo a compra que lle valeu o premio, World Muller. A propietaria do comercio, María José Díaz mostrouse moi contenta pois comentou que este ano é a segunda vez que se materializa a través do seu establecemento un premio ao cliente do comercio local.

Pola súa banda, Aroa Álvarez destacou que ‘estes 150 euros veñen moi ben, pero gastaranse enseguida porque estamos en plena volta ao cole e teño dous nenos pequenos’.