O Psdeg-Psoe solicita un encontro urxente con Gabriel Alén para coñecer o proxecto de residencia de Amancio Ortega ante a ausencia total de información do bigoberno

Acusan a Jácome de empregar o “xogo político” e a “chantaxe” a conta dun proxecto que, segundo as indagacións dos socialistas, “está garantido independentemente da localización”

Emprazan ao delegado territorial da Xunta en Ourense a reunirse cos socialistas e cos grupos do BNG e dos non adscritos anteriormente pertencentes a DO antes do pleno extraordinario do vindeiro martes

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE vén de solicitar un encontro urxente co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, co obxectivo de coñecer en detalle o proxecto de residencia da terceira idade que financiará a Fundación Amancio Ortega, ante a ausencia total de información do bigoberno PP – DO.

Na petición de reunión, realizada en nome dos socialistas, do BNG e dos edís non adscritos anteriormente pertencentes a Democracia Ourensana, emprazan a Alén a convocar un encontro antes do vindeiro martes, data na que terá lugar a celebración do pleno extraordinario para a modificación puntual do PXOU de 1986 que permite o cambio de uso da parcela antigamente destinada a estación de autobuses de Ourense.

“Nós preguntamos na Xunta de Área a respecto do proxecto de residencia e comprobamos como a propia concelleira Flora Moure carece de información ao respecto”, sinalan dende o grupo socialista, “polo que contactamos coa Fundación Amancio Ortega, onde nos indicaron que o proxecto está garantido posto que esta entidade ten un convenio coa Xunta para construír dotacións nas sete grandes cidades galegas”, aseguran.

Os socialistas acusan a Jácome de empregar o “xogo político” e a “chantaxe” a conta dun proxecto que “descoñece totalmente” e que, segundo puideron indagar os socialistas, “está garantido independentemente da súa localización”, ao tempo que aclaran que a construción da residencia “vaise levar a cabo porque existe un compromiso en firme”.

Así as cousas, os socialistas censuran que o goberno local convoque un novo pleno “ao que imos ir como estabamos: sen información porque non nola facilitan”, motivo polo que urxen unha reunión co delegado territorial da Xunta en Ourense a fin de “coñecer a fondo un proxecto de gran valor para a cidade”.