O Concello de Ribadavia ven de recibir a notificación favorable da Xunta de Galicia da concesión do Obradoiro de emprego RIBEIRO MIÑO- AVIA. Serán nove meses de formación, coa obtención de un certificado de profesionalidade e a posibilidade dun contrato de traballo, xa que unha vez rematado o obradoiro existirá a posibilidade de ser contratado nunha empresa por outros tres meses máis, grazas á concesión de inventivos á contratación.
Promoción turística, Agricultura e Construcción son os sectores e especialidades formativas que recolle este obradoiro repartido nos Concellos de Ribadavia, Carballeda de Avia e Castrelo de Miño. Contará cunha subvención de 346.946 euros ao Concello de Ribadavia, para a realización deste obradoiro dual de emprego, e 16.500 euros máis para incentivo á contratación laboral.
Valoración positiva desde o Concello
Desde o Concello valoramos moi positivamente a concesión deste obradoiro a Ribadavia, xunto a Carballeda e Castrelo. Máis aínda cando en decembro do ano pasado lle fora denegado a Ribadavia un importante obradoiro e tamén un Plan Integrado de Emprego. Consideramos que era xusto que a Xunta agora conceda este obradoiro.
O Concello de Ribadavia pretende que este Obradoiro teña continuidade con un futuro Plan Municipal de Emprego, xa que as políticas activas de emprego son esenciais para que o municipio sexa capaz de frear a perda poboacional e asentar poboación en Ribadavia.
Agradecen dende o concello á Xunta de Galicia, e a Consellaría de Emprego e Igualdade, a concesión favorable deste Obradoiro a Ribadavia.