Os consellos reguladores dos viños e augardentes galegos estudan accións de promoción conxuntas para realizar nos vindeiros meses

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os responsables dos organismos mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Hai poucos meses púxose en marcha, co apoio do Igape, a Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das I.X.P. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) e, hoxe, en Ribadavia os seus integrantes mantiveron unha xuntanza de traballo para estudar accións que permitan promocionar conxuntamente os viños e augardentes galegos nos vindeiros meses.

Fundamentalmente, vanse promover accións formativas e divulgativas dos produtos amparados baixo os selos de calidade dos seis organismos integrados na iniciativa: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e o de Augardentes de Galicia.

Os seus responsables avogaron por poñer en marcha unha páxina web da Asociación coa finalidade de axudar a visibilizar o seu traballo e, paralelamente, apostouse por organizar en colaboración coa Galicia Business School un Programa Superior en Dirección de Empresas Vitivinícolas aberto ás adegas de cada un dos territorios amparados. O programa ofrece 25 prazas, catro por cada unha das denominacións de orixe, e no caso de que a demanda sexa máis alta estudarase a posibilidade de realizar unha segunda edición deste curso.

O Programa incidirá en aspectos clave para lograr a competitividade das adegas poñendo o foco  na profesionalización da xestión, na definición de estratexias competitivas e na axuda á internacionalización.

Feiras sectoriais

Os responsables dos organismos reunidos hoxe baixo a marca ACRUAGA estudaron tamén en que Feiras sectoriais máis significativas ter presenza, de cantas se van celebrar proximamente. Neste sentido, puxeron o foco na posibilidade de participar na feira Wine París –Vinexpo París ou na London Wine Fair, de Londres cun espazo expositor conxunto.