Minuto de silencio en repulsa polo crime machista acontecido en A Coruña

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O subdelegado do Goberno manifestou a repulsa e condena da sociedade ourensá e galega ante este novo caso de violencia de xénero

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

§  Emilio González fixo un chamamento a toda a cidadanía para non baixar a garda e para seguir loitando contra esta lacra social

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu a concentración e o minuto de silencio celebrados ante a sede da Subdelegación do Goberno en repulsa polo crime machista perpetrado na madrugada do xoves en A Coruña contra unha muller de 52 anos.

Finalizado o acto, o subdelegado do Goberno mostrou a “repulsa e condena de toda a sociedade ourensá e galega” ante este novo caso de violencia de xénero, co que xa son 35 as mulleres asasinadas este ano. Desde o 2003 son 65 en Galicia e 1.113 no conxunto do Estado.

Emilio González fixo un chamamento a toda a cidadanía para “non baixar a garda e seguir loitando contra esta lacra social”. Así mesmo, fixo fincapé na necesidade “do fomento dende as institucións e dende o conxunto da cidadanía dunha convivencia en igualdade e respecto como únicos camiños para rematar co machismo”.

O subdelegado do Goberno lembrou que o Ministerio de Igualdade, por medio da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, conta co teléfono 016, coas consultas en liña a través do email 016-online@igualdad.gob.es e coa canle de WhatsApp no número 600 000 016, que funcionan as 24 horas todos os días da semana. No 016 pódese pedir asesoramento sobre os recursos dispoñibles e os dereitos das vítimas de violencia de xénero, así como asesoramento xurídico de 8 a 22 horas todos os días da semana, con atención en 52 idiomas e un servizo adaptado a posibles situacións de discapacidade.

Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). No caso de que non sexa posible realizar unha chamada e ante unha situación de perigo, pódese utilizar a aplicación ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á policía con xeolocalización. Estes medios de asistencia poden ser activados pola vítima e tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero. É un deber de toda a sociedade.