Noelia Pérez explicou que a Xunta está á espera de poder asinar o convenio de cofinanciamento por importe de 500.000 euros.
Para asinar o convenio son necesarias dúas cousas: iniciar os trámites para a desafectación do edificio municipal e o proxecto técnico de investimento”, concretou a deputada popular.
A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez criticou hoxe que “o novo goberno do Concello de Ribadavia leva sete meses sen facer nada do que lles require a Xunta de Galicia para poder asinar o convenio de cofinanciamento, por importe de 500.000 euros, para a nova escola infantil”.
Noelia Pérez explicou que os orzamentos da Xunta para 2021 recollen unha partida para a escola infantil de Ribadavia co obxecto de cambiar o seu emprazamento actual e poder contar cunhas novas instalacións ampliadas no inmoble da antiga escola da Alameda. “Para levar adiante esta obra eran necesarias dúas cousas por parte do Concello: iniciar os trámites coa Consellería de Educación para a desafectación do inmoble, que é de titularidade municipal; e o proxecto técnico do investimento que se vai acometer”, concretou.
NON FIXERON OS DEBERES
“Lamentablemente, o PSdeG xa amosou en dous plenos do Concello o seu desacordo con facer unha nova escola infantil en Ribadavia e, posteriormente, co procedemento xa iniciado polo anterior goberno local, tardaron máis de tres meses en poñerse de acordo consigo mesmo para saber que querían facer e a que querían destinar o edificio”, dixo a deputada popular.
Así mesmo, sinalou que “para poder levarse a cabo o investimento de 500.000 euros por parte da Xunta, tal e como se fai con todos os concellos de Galicia e actuacións do Consorcio Galego, o Concello ten que elaborar o proxecto técnico do investimento que se vai acometer”. “Durante os últimos sete meses, que son os que pasaron desde que o PSdeG chegou ao goberno de Ribadavia, o Consorcio Galego non volver ter noticia algunha nin da alcaldesa nin de ningún concelleiro do goberno desta vila”, manifestou.
“Non é de recibo que os socialistas veñan a este Parlamento buscando culpables e confrontación co Goberno galego, cando son vostedes os que non fixeron os deberes”, incidiu Noelia Pérez, porque “se fosen honestos debería dicirlle aos veciños de Ribadavia que nunca estiveron a favor de que os cativos e as súas familias tivesen unha escola infantil mellor e con máis prazas, e que desde que están no goberno non fixeron nada do que lles requiría a Xunta para poder asinar o convenio de cofinanciamento”.