O Psoe “aplaude e celebra” que o goberno de Sánchez cumpra os compromisos co AVE

O PSdeG-PSOE “aplaude e celebra” que o Goberno de Pedro Sánchez “cumpra minuciosamente os compromisos adquiridos con Ourense e Galicia”, o que permitirá a posta en servizo da liña de alta velocidade ferroviaria a Castela e León e Madrid antes de que remate este 2021

As probas que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) e a
operadora Renfe realizan desde hai meses, xa se atopan na súa última fase e
están sendo “plenamente satisfactorias”.
“Só grazas ao decidido pulo deste Goberno central de progreso que, desde que
chegou á Moncloa no 2018, puxo o seu foco inversor e técnico nesta obra, será
posible ver novos servizos comerciais AVE a Ourense este ano”, sinalan os
socialistas antes de recordar que “o PSOE tivo que destapiar os túneles da alta
velocidade a Galicia que o Goberno do PP de Rajoy tapiou con bloques de
formigón durante anos”. “As simulacións comerciais están a piques de comezar
para que todo estea listo en poucas semanas”, aseveran.
4.082 millóns e máis obras a partir de 2022
O custe estimado da liña de alta velocidade (LAV) entre Zamora e Taboadela
será duns 4.082 millóns, o que suporá un investimento de 18,5 millóns por
quilómetro, un “fito técnico moi relevante” nunha infraestrutura tan complexa.
“Este é un dos tramos ferroviarios máis complicados de Europa, ao ser túneles
e viadutos a meirande parte do seu trazado”, recordan.
Os importes xa investidos e a estimación dos pendentes de executar, por
conceptos, son: expropiacións (39 millóns); obra de plataforma (2.816 millóns);
proxectos e asistencias (157 millóns); outras actuacións en infraestrutura (247
millóns); montaxe de vía e subministros asociados (325 millóns); liña aérea de
contacto e sistemas de enerxía (120 millóns); sinalización, control de tráfico e
telecomunicacións (217 millóns); novas estacións (10 millóns) e outros gastos
como man de obra propia, 1 % cultural, premantemento ou gastos financeiros
suman 147 millóns máis.
Nestes importes non se inclúen as obras do tramo Taboadela-Ourense, que o
Goberno central vén de comezar a licitar o pasado mes de xullo tralo
“ostracismo e vergoñento cuestionamento” ao que foi sometido tamén polo
Partido Popular durante “longos anos de desfeita para a nosa terra”.
Trala posta a servizo da liña ferroviaria ata Taboadela e trala nova oferta
comercial inicial, que estará conformada por servizos AVE ata Ourense e Alvia
ata o resto de cidades de Galicia mentres non estean dispoñibles os novos trens
do modelo Avril, o Goberno central continuará a executar os trámites e obras
que restan para que a infraestrutura estea realmente completa. “É fundamental
rematar estes flocos para que a LAV a Galicia sexa plenamente operativa e
funcional”, destacan desde o PSdeG-PSOE ourensán.
Por iso, o executivo de Pedro Sánchez xa traballa na licitación e execución
completa da ‘variante exterior’ de Ourense; na reforma do vello túnel de
Padornelo ou na duplicación da vía nalgúns tramos da provincia de Zamora,
instalando así dobre vía en todo o percorrido entre Madrid e Galicia. Igualmente
está previsto executar un novo tramo dun quilómetro, á saída da estación
Ourense-Empalme en dirección a Santiago e Vigo, que quedara sen construír
durante as obras da LAV entre a terceira cidade de Galicia e a capital galega.

AVANTAR ACTIVIDADES