A Xunta inicia as obras de execución do acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón, que supoñen un investimento de máis de 1 M€

Construirase un ramal de conexión entre a autovía da Xunta e a vía de titularidade estatal N-525, que permitirá o movemento de incorporación en sentido Ourense

A nova vía terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelo á autovía pola súa marxe dereita

AVANTAR ACTIVIDADES

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense

O departamento que dirixe Ethel Vázquez avanza, ademais, no proxecto que completará todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía, permitindo que os vehículos con orixe en Ourense poidan saír da AG-53 cara a Dozón

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de execución do acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón.

Estas obras, cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros, terán un prazo de execución estimado en 6 meses.

A intervención consiste na construción dun ramal de conexión entre a autovía autonómica e a vía de titularidade estatal N-525, en Dozón, e permitir así o movemento de incorporación en sentido Ourense.

Os traballos céntranse no enlace que comeza na contorna do punto quilométrico 275 da estrada nacional, onde se prevé unha ampliación do carril de vehículos lentos existente e cruzar a AG-53, a través do paso inferior do punto quilométrico 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía autonómica pola súa marxe dereita en sentido Ourense.

As obras en execución incorporan algunhas das achegas formuladas no período de exposición pública para facilitar a accesibilidade a unha granxa próxima.

A nova vía entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á autovía pola súa marxe dereita, manténdose a entrada na estrada nacional en dirección Ourense.

As obras incluirán, ademais, a habilitación dunha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e á estrada nacional.

A construción dun acceso á autovía é unha vella demanda deste municipio pontevedrés, que na actualidade só conta cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago.

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a traballar no proxecto que completa todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía AG-53. O novo ramal, que se situaría no punto no que está o actual semienlace, permitirá que os vehículos con orixe Ourense poidan saír cara a Dozón.