O Psdeg-Psoe cualifica de “cortina de fume” os anuncios de Jácome en materia de mobilidade

O Psdeg-Psoe cualifica de “cortina de fume” os anuncios de Jácome en materia de mobilidade: “quere tapar a parálise do Pmus con accións improvisadas, inviables e sen rigor”

Os socialistas ourensáns lembran que “todas as actuacións relativas á mobilidade na cidade” atópanse recollidas no Plan de Mobilidade Sostible aprobado en novembro do 2019 pola xunta de goberno local

AVANTAR ACTIVIDADES

“Das escaleiras mecánicas non hai informes de viabilidade e o itinerario do Metrobus non é compatible coa realidade, xa que suporía a supresión de liñas actualmente en servizo”, destacan

O PSdeG-PSOE de Ourense cualifica de “cortina de fume” as últimas “ocorrencias” de Jácome en materia de mobilidade na cidade, logo de que o alcalde anunciara, mediante unha nota de prensa enviada dende o Concello, a súa pretensión de executar unha serie de actuacións “illadas e carentes de sentido” entre as que se inclúen a reordenación das liñas de autobús, a implantación de escaleiras mecánicas e un servizo de bicicletas eléctricas.

Os socialistas aseguran que este anuncio non é máis que unha “resposta encuberta” á información dun xornal local sobre o profundo malestar da cidadanía ante a inacción do Goberno local en materia de mobilidade urbana e a total parálise do PMUS, que o alcalde “quere tapar con accións improvisadas, inviables e sen ningún tipo de rigor” para “enganar a opinión pública, xa que aos grupos non os pode enganar”, matizan.

Así as cousas, lembran que “todas as actuacións relativas á mobilidade na cidade” atópanse recollidas no Plan de Mobilidade Urbana Sostible aprobado en novembro de 2019 pola xunta de goberno local, conformada por Democracia Ourensana e Partido Popular”, polo que o último anuncio do alcalde “é un bluff, unha invención que non respecta todo o acordado e amosa o caos no que está sumido o Concello de Ourense, cun PP que cala e asinte de forma vergoñenta”.

Neste sentido, os socialistas reclaman que se reactive a comisión de seguimento do PMUS e reiteran a necesidade de crear unha “oficina de mobilidade municipal”, cuestións que permitirían impulsar “un plan consensuado que leva dous anos pechado nun caixón polo capricho dun alcalde que nin sequera foi capaz de pór en marcha unha programación con motivo da Semana da Mobilidade e agora vén anunciando proxectos totalmente estratosféricos e fóra de lugar”, condenan.

“Das escaleiras mecánicas non existen informes de viabilidade e incluso temos constancia de avaliacións desfavorables, mentres que o itinerario do Metrobus non é compatible coa realidade, xa que suporía a supresión de liñas actualmente en servizo”, destacan dende o grupo municipal socialista, ao tempo que lamentan o “total descoñecemento” exhibido por Jácome, logo de que o alcalde empregase unha infografía para ilustrar o percorrido das novas liñas “que vén recollida no PMUS e nada ten que ver co que el anunciou na xornada de onte”.

“Temos unha oportunidade histórica coa convocatoria dos fondos europeos por parte do Mitma que vai ser desaproveitada polos caprichos e intereses persoais de Jácome, que cada día anuncia un despropósito diferente e que pretende bloquear o labor fiscalizador da oposición negándose a facilitar a información que se lle reclama nas xuntas de área”, resaltan.

“Jácome actúa de costas a todo o mundo e dedícase a entreter aos medios de comunicación con proxectos inexistentes que nutren o seu propio circo, no que o PP parece facer o papel de escapista”, conclúen.