Xantar 2021 quere posicionarse como o gran reencontro dos profesionais da enogastronomía, a hostalería e o turismo da Península Ibérica

A 22ª edición do Salón Internacional do Turismo Gastronómico celebrarase en Expourense entre o 3 e o 7 de novembro e estará centrada na “Gastronomía dos Camiños”

Unha vintena de expertos participaron esta mañá na primeira reunión virtual do comité asesor que puido coñecer as principais novidades da feira

AVANTAR ACTIVIDADES

Xantar 2021 celebrarase co obxectivo de converterse nun gran reencontro para os profesionais da enogastronomía, o turismo e a hostalería da Península Ibérica, contando tamén coa presenza de países de América Latina. A 22ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico celebrarase en Expourense entre o 3 e o 7 de novembro e estará centrada na Gastronomía dos distintos Camiños a Santiago. Este cambio de datas ao segundo semestre do ano e nun mes moi especial para a gastronomía ourensá coa celebración do San Martiño e os Magostos, é unha das novidades desta edición que quere servir como punto de inflexión que supoña a volta á normalidade e que contribúa a promocionar internacionalmente a Galicia como un destino enogastronómico seguro e excelente nun momento tan especial como o dobre Ano Xacobeo 2021 e 2022.

Esta mañá celebrábase de forma virtual a primeira reunión do comité asesor de Xantar 2021 na que participaron unha vintena de expertos de Galicia, Asturias e Portugal. Da man do director da feira e director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, puideron coñecer a situación actual da organización da feira que conta coa comercialización moi avanzada e sen apenas metros libres. O director presentou as novidades desta edición que ofrecerá unha experiencia única e segura ao visitante e que quere converterse en motivación turística per se na captación de viaxeiros a Ourense “que poderían vir á cidade para visitar Xantar e comer aquí pero despois visitar, comprar, cear e pernoitar na cidade”, tal e como explicou Rogelio Martínez.

As novas restricións que conleva a pandemia levaron á organización e Xantar a reducir a 8 o número de restaurantes (entre eles os do INORDE, Sabores de Ourense e BOAGA-Razas Autóctonas cuxos representantes participaron nesta primeira reunión do comité) e a 2 as aulas gastronómicas que serán agora moito máis amplas para garantir a seguridade do visitante e no que se impartirán, entre outras, actividades coordinadas pola Consellería do Mar, pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria- AGACAL da Consellería do Medio Rural, por Porto e Norte e pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe e Mariscos-ANFACO.


No referente ás accións profesionais, organizaranse as xa habituais incluídas no 16º Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sostible que contemplan a realización de talleres de cociña en directo a cargo de prestixiosos chefs e con produtos autóctonos de calidade; o Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas ou o Concurso de Cociña patrocinado polo Grupo Cuevas, entre outros. Tamén se celebrará unha nova edición do Workshop de Comercialización de Turismo Gastronómico coa participación de operadores de turismo e organizarase por primeira vez unha misión con distribuidores internacionais de produtos agroalimentarios.


Esta edición de Xantar estará centrada na promoción da “Gastronomía dos Camiños”, de todos eles, desde o francés á Vía da Prata e, por suposto, do Camiño Portugués, xa que non hai que esquecer que Portugal tivo sempre un peso moi importante no salón, aumentando cada ano a cantidade de expositores e visitantes que acoden a esta cita. Santiago é o final do Camiño para o peregrino, pero este dobre Ano Xacobeo simboliza tamén o principio da reactivación do sector turístico en Galicia e desde Xantar non se quere deixar pasar esta oportunidade para posicionar a esta comunidade como un destino seguro que ofrece todo o que o turista post- COVID busca e necesita.


Comité asesor
Expourense convocou aos membros do comité asesor de Xantar composto por expertos de distintos ámbitos como o turismo, a enogastronomía, a hostalería, sanidade, industria conserveira etc. Dirixida polo director de Xantar, Rogelio Martínez, acudiron a este encontro virtual o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; a concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Flora Moure; o secretario xeral de Educación e Formación Profesional José Luis Mira; a responsable de Comercio Internacional de ANFACO, Felicidade Fernández; a xefa territorial de Sanidade en Ourense, Laura López; a xefa de servizo de AGACAL, María José González; o xefe de Servizo da Dirección Xeral de Pesca, Ramón Fernández; o presidente da Federación de Hostalería de Ourense e vogal da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Ovidio Fernández; a decana da Facultade de CC. Empresariais e Turismo do Campus de Ourense, Montserrat Cruz; a técnico da Entidade de Turismo Porto e Norte, Cristina Mendes; o presidente do CRDO Ribeiro e director da EVEGA, Juan Manuel Casares; a técnico do CRDO Monterrei, Natalia González; a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; o delegado de Xantar en Portugal, Antonio García; o representante da Federación de Confrarías FECOGA, Carlos Gardado e a directora adxunta da Federación de Razas Autóctonas- BOAGA, Silvia Adán.