A Xunta organiza dous cursos sobre aceite de oliva en Ribadavia

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza na localidade ourensá de Ribadavia dous cursos sobre o aceite de oliva virxe extra (AOVE). Un deles centrarase nas catas do produto, mentres o segundo xirará arredor das diferentes estratexias de venda posibles.

Ambas iniciativas constan de 20 horas de formación e está previsto que se desenvolvan entre o vindeiro luns 4 e o venres 15 de outubro no instituto Abrente do Ribeiro. Cómpre apuntar que están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

FESTAS EN RIBADAVIA

No caso do curso de cata de AOVE, está programado en horario de mañá (entre os días 4 e 8 de outubro) e establece como principais obxectivos aprender e coñecer as propiedades destes aceites de oliva. Nesa liña, valoraranse os atributos positivos que definen un AOVE de alta gama segundo a súa valoración organoléptica. Así, o programa contén conceptos básicos para a cata de aceites, contemplando a fase olfativa, gustativa e táctil e características sensoriais como o sabor, o aroma, a textura e a cor, ademais de sesións de cata propiamente ditas para valorar a calidade de distintas mostras de produto.

Sobre a acción centrada nas estratexias de comercialización do AOVE, que tamén está prevista en horario de mañá (entre os días 11 e 15 de outubro), a finalidade é coñecer as técnicas de posicionamento, plans estratéxicos e experiencias sobre a venda do aceite de oliva virxe extra no sector gourmet. Así, falarase do deseño e lanzamento dunha marca de AOVE, do oleoturismo e de estratexias de venda como a maridaxe con este produto, entre outros.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos de Ribadavia e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico  formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881997279.