O Psdeg-Psoe de Ourense denuncia que Gonzalo Pérez Jácome pretende comprar reloxos de luxo aos seus asesores con diñeiro público das arcas do concello

Os socialistas ourensáns aseguran que son os propios asesores quen están a solicitar orzamentos para a compra de teléfonos intelixentes, dispositivos informáticos e vehículos eléctricos a conta do Concello

“Non imos consentir o despilfarro de diñeiro público dun alcalde que pensa que o Concello de Ourense é a súa empresa privada e que se dedica a empregar os cartos dos cidadáns no seu beneficio propio”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE denuncia que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pretende comprar reloxos de luxo aos seus asesores con diñeiro público das arcas do Concello, ademais de teléfonos intelixentes de recoñecidas marcas comerciais, dispositivos informáticos e incluso unha moto eléctrica de última xeración.

Os socialistas aseguran que son os propios asesores quen están a solicitar os orzamentos, un xeito de proceder “de dubidosa legalidade” posto que “o persoal de confianza non pode asumir tarefas propias do funcionariado en ningún caso, nin administrativas nin xestoras”, e menos cando se trata de “adxudicar a dedo contratos a empresas amigas para a adquisición de material que en absoluto ten que ver co desempeño das funcións propias da alcaldía”, aclaran.

Concretamente, o grupo municipal socialista ten constancia de que o persoal eventual do alcalde solicitou un orzamento a unha teleoperadora por valor de 14.937 euros para a adquisición de 14 teléfonos intelixentes con prezos comprendidos entre os 734 e os 815 euros, ademais de catro smartwatches con importes que van dende os 365 aos 379 euros cada un.

Por outra banda, os socialistas aseguran que existe un orzamento para a compra de 18 portátiles e seis ordenadores de mesa, ademais de sete monitores LED e seis teclados cos seus correspondentes ratos, valorado en 18.133,73 euros, que sería “un lote a parte do expediente anunciado polo alcalde para contratar a subministración e instalación dos equipos informáticos do Concello e que vén de aprobarse en Xunta de Goberno Local cun orzamento de licitación de preto de medio millón de euros”.

Por último, cabería engadir a posible compra dunha scooter eléctrica, cuxo prezo ascende aos 6.500 euros, segundo o orzamento rexistrado por un concesionario ourensán ao que tiveron acceso os socialistas, e que “chama poderosamente a atención xa que non comprendemos a súa finalidade, máis alá de satisfacer os custosísimos caprichos do alcalde”.

Así as cousas, os socialistas anuncian que veñen de rexistrar unha solicitude de información urxente para coñecer todas as facturas emitidas dende o Concello para a compra de mobiliario, equipos informáticos e vehículos dende o inicio do mandato.

“Non imos consentir o despilfarro de diñeiro público dun alcalde que pensa que o Concello de Ourense é a súa empresa privada e que se dedica a empregar os cartos dos cidadáns no seu beneficio propio”, conclúen.