Asoporcel gaña o premio E Para Comer, Lugo á gastronomía lucense

A asociación recibiu este galardón polo seu traballo de preservación do patrimonio xenético do Porco Celta, a única raza porcina autóctona galega, e pola súa aposta por presentala como unha alternativa á produción e ao desenvolvemento rural.

Nun acto celebrado con motivo do Día Mundial do Turismo, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) recolleu onte a última hora da tarde no salón de actos do Pazo de San Marcos o premio E Para Comer, Lugo á gastronomía lucense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Trátase dun dos dous galardóns outorgados na segunda edición dos Premios Lugo Cambia á excelencia do turismo e a hostelería da provincia de Lugo. Entre a misión destes recoñecementos destaca a posta en valor de “actuacións innovadoras e exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía lucense”.

O xurado, composto por 18 persoas que forman o Consello de Turismo, vinculadas a este sector e coa presenza de representantes dos tres grupos políticos da corporación provincial, escolleu outorgar este recoñecemento a Asoporcel polo seu “traballo de recuperación e preservación do patrimonio xenético do Porco Celta e pola súa aposta por presentala como unha alternativa á produción e ao desenvolvemento rural”.

No acto de entrega, o presidente de Asoporcel, José Barreira, fixo fincapé na importancia deste tipo de premios en tanto en canto supoñen un impulso para seguir traballando. “Non hai mellor maneira de conservar unha raza que apreciando, consumindo e demandando as súas carnes, así que é unha verdadeira satisfacción que nos fagades merecedores desta mención”, agradeceu. Así mesmo, Barreira rematou co desexo de que estes galardóns sigan adiante, xa que poñen en valor tanto o noso sector hostaleiro e turístico, como os pequenos produtores da provincia, que tamén ven así recoñecida a innegable calidade dos seus produtos.

Máis información sobre Asoporcel en:

asoporcel.es

facebook.com/asoporcel.porcocelta

instagram.com/porcoceltaasoporcel

twitter.com/ASOPORCEL