Expourense acolle os días 19 e 20 de novembro a 4ª edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo

Esta mañá celebrouse a primeira reunión do comité asesor desta cita para perfilar o programa das xornadas técnicas profesionais

Esta edición servirá de antesala para o Congreso Internacional de Turismo Deportivo que a Secretaría Xeral para o Deporte organizará en Expourense en xuño de 2022

AVANTAR ACTIVIDADES

O turismo deportivo é, xunto coa paisaxe e a gastronomía, unha das principais motivacións que atraen turistas a Galicia, unha comunidade que ten un gran potencial en ambos Eidos. Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo terá o obxectivo de posicionar a Galicia como destino activo contribuíndo así á desestacionalización do turismo achegando visitantes de proximidade á nosa comunidade a través do deporte e contando ademais coa vantaxe de que os recursos naturais están repartidos por todo o territorio galego. A cuarta edición deste salón celebrarase os días 19 e 20 de novembro de 2021 en Expourense e servirá de antesala para o gran Congreso Internacional de Turismo Deportivo que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia organiza para o mes de xuño de 2022 e que se celebrará no recinto feiral ourensán.

Esta mañá celebrábase de xeito virtual a primeira reunión do comité asesor de Sportur Galicia no que se estableceron as pautas do que será a vindeira edición que terña lugar uns días antes do comezo do calendario de competición de atletismo desta tempada e que arrinca coa celebración do trixésimo segundo Campionato de España Master en Pista Cuberta (26 a 28 de novembro).

Durante esta reunión, o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, comentou os principais cambios que vai sufrir este salón derivados das restriccións impostas pola pandemia e comentou que “a última edición de Sportur Galicia celebrouse no 2019. As cousas cambiaron tanto que resulta complicado pensar na posta en marcha dunha edición

semellante, con centos de deportistas realizando exhibicións e torneos no salón. Agardamos poder pronto volver a iso, pero polo momento temos que ser cautos e pensar nunha edición máis contida, pero sen renunciar ao obxectivo fundacional desta cita: posicionar a Galicia como destino idóneo, e seguro, para o turismo deportivo e activo”.

A edición deste ano de Sportur Galicia contará cun área expositiva na que participarán destinos de España e Portugal nos que o turismo activo xogue un papel fundamental e tamén as distintas federacións que componen este comité e queiran aproveitar para visibilizar o traballo que realizan durante todo o ano captando así novos deportistas potenciais.

Esta exposición de stands complementarase cunhas xornadas técnicas de carácter máis profesional, en formato híbrido, que abordarán a actualidade do sector analizando: as claves para a reactivación do turismo activo e deportivo; os protocolos de seguridade e boas prácticas ou o aproveitamento das oportunidades que os cambios nos intereses e necesidades do viaxeiro, logo da pandemia, abriron para estes sectores.

Comité asesor

Dirixida polo director xerente de Expourense, participaron nesta reunión virtual o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; a directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita; o xefe de servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; aq vicerreitora do Campus de Ourense – Universidade de Vigo, Esther de Blas; a xerente do Cluster da Industria do Deporte e o Benestar, Sofía Toro; o presidente da Federación Limiar, Manuel Mosquera; o delegado de Ourense da Federación Galega de Caza, Antonio García; o xerente do Consello Municipal de Deportes de Ourense, Mario González: o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea; o presidente da Federación Galega de Montañismo, Adolfo Puch; o presidente da Federación Galega de Kickboxing e Muaythai, Cipriano Gomes;  o presidente da Asociación de Náuticos de Galicia, Javier Ruiz; o experto en xestión do deporte da Universidade de Vigo, Aptricio Sánchez; a directora de proxectos de Good Life, María Mesías, e a directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez.