Stop Eólicos convoca en Bande a I Marcha en Defensa do Monte Grande

IES CHAMOSO LAMAS

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA anunciou este mércores a convocatoria da I MARCHA EN DEFENSA DO MONTE GRANDE, que partirá da Praza de Bande ás 10 da mañá do sábado 23 de outubro en protesta contra a instalación dunha central eólica na Fonte Santa.

Como resposta a actuación de Greenalia, empresa promotora do proxecto industrial, que nas pasadas semanas xa se entrevistou coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas (PP), e cos comuneiros, cos que entrou nunha negociación para o alugueiro dos terreos durante 30 anos, a plataforma convocou unha andaina que recorrerá os espazos naturais e patrimoniais que se verían máis afectados de levarse adiante o proxecto.

OZOCOgz Deseño Galego

O proxecto de central eólica no Monte Grande, denominado P.E. Fonte Santa, é un complexo de 12 aeroxeradores situado a tres quilómetros do casco urbano de Bande, e que completaría unha liña de 38 aeroxeradores entre Celanova e Bande coa sucesión dos polígonos do Vieiro, xa en funcionamento, e do Monte da Neve, en fase de tramitación. No caso da instalación da Fonte Santa, a paisaxe do Xurés veríase severamente afectada. O Parque Natural está situado apenas a dez quilómetros ao sur da central e a sete quilómetros ao oeste.

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA denuncia que veciñanza de Bande NON tivo información ningunha dos plans de Greenalia para o Monte Grande nin posibilidade de intervir nun proceso, tal e como establecen as Directrices da Paisaxe de Galiza. A plataforma xa anunciou que solicitará unha entrevista coa alcaldesa de Bande.

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA advirte que Greenalia pretende reducir o asunto a unha negociación entre empresa e comuneiros. Mais o proxecto afecta ao conxunto da veciñanza: as máquinas estarían a menos de 2 quilómetros das aldeas de Martiñán, Vilar e Carpazás; e o proxecto tería uns impactos directos sobre o Foxo do Lobo das Cobateiras e os conxuntos de mámoas e petróglifos no actual Parque arqueolóxico do Monte Grande, un recurso patrimonial e turístico que quedaría invalidado. E afectaría os hábitats singulares da turbeira da Lagoa Grande e da Carballeira da Fonte Santa e outros bidueirais de rexeneración natural, considerados prioritarios na normativa medioambiental.

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA denuncia que a central eólica non vén cubrir as necesidades enerxéticas de Bande nin da comarca, senón que se expón como un negocio privado de Greenalia a costa dos nosos montes. E tampouco contribuirá a crear emprego nin asentaría poboación, como vende a propaganda da empresa, senón que expulsaría máis xente deste concello, como ensinan experiencias anteriores noutros concellos.