O secretario xeral do PSdeG participou onte nun encontro coa militancia en Ourense onde reivindicou o seu “orgullo” por ser socialista
O secretario xeral, Gonzalo Caballero, mantivo onte unha xuntanza coa militancia de Ourense na que reivindicou un PSdeG “forte” que traballe “para avanzar e non retroceder”.
Recibido ao son do popular himno antifascista italiano ‘Bella ciao’, Gonzalo Caballero apostou por traballar nun proxecto “galeguista, feminista, ecoloxista e, por riba de todo, de esquerdas”.
“Son de esquerdas e quero que o meu partido siga sendo de esquerdas”, incidiu Gonzalo Caballero, tras alertar de que nos atopamos “nunha encrucillada de camiños na que as militantes e os militantes temos que decidir sobre dúas perspectivas moi distintas do PSdeG”.
Neste sentido, incidiu, “o meu proxecto para o PSdeG está situado claramente na esquerda”. Por iso, chamou á militancia a fortalecer o proxecto colectivo, de xeito que permita “orientar o rumbo” e “confrontar coas políticas do PP de Feijóo e Baltar”.
Ante “a militancia que loita contra o caciquismo en Ourense”, Gonzalo Caballero resaltou que “o noso proxecto para Galicia xerminou” e “agora ten que dar froitos”.
“Este é un proxecto gañador coa militancia para gañar fóra coa cidadanía”, recalcou o dirixente socialista.
“ORGULLOSO DE SER SOCIALISTA”
Ademais, o líder do PSdeG destacou a súa “implicación” co partido “porque creo nesta organización como elemento de cambio do país”. “Eu sempre estou orgulloso de ser socialista e, por iso, non necesito recuperar o orgullo de ser socialista”, proclamou.
“Ser socialista é moito máis que estar no PSdeG, é unha forma de ver o mundo e a sociedade, e son certos valores de comportamento”, incidiu, nos que prima “a esquerda, a xustiza social e a igualdade de oportunidades”.