O Psdeg-Psoe de Punxín critica a política “destrutiva” e de “bloqueo” levada a cabo polo goberno municipal e que condena ao municipio ao “desastre” e a “ruína” social

As socialistas denuncian que o PP e o concelleiro non adscrito opóñense de xeito “sistemático” as iniciativas presentadas polo PSOE, orientadas a unha mellora da “calidade de vida” da veciñanza

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, fai fincapé en que o municipio “precisa dun goberno municipal que traballe pensando nos veciños e veciñas e que opte por políticas construtivas”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Punxín critica a política “destrutiva” e de “bloqueo” levada a cabo polo Partido Popular e o concelleiro non adscrito, que no pleno municipal celebrado no día de hoxe votaron en contra de tres iniciativas socialistas enfocadas a mellorar o día a día da veciñanza do municipio. As socialistas denuncian que a política do goberno municipal é a da “inacción” e a do “abandono” e subliñan que con esta forma de gobernar están a levar a Punxín e a súa veciñanza ao “desastre” e a “ruína” social.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que esta forma de facer política do Partido Popular e o concelleiro non adscrito “condena a Punxín a vivir a crónica dunha morte anunciada”. Para as socialistas é “surrealista” que o equipo de goberno se opoña de xeito “sistemático” as numerosas iniciativas presentadas polo PSdeG-PSOE e orientadas a unha mellora da “calidade de vida” e das condicións da veciñanza de Punxín.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro, fai fincapé en que o municipio “precisa dun goberno municipal que traballe pensando nos veciños e veciñas e que opte por políticas construtivas”. Considera que a actitude amosada polo Partido Popular e o concelleiro non adscrito “supón un grave problema para o desenvolvemento e o futuro do noso concello”. A concelleira socialista acusa ao goberno local de “falla de miras” e de negarse a contar coa oposición “para traballar en favor da nosa veciñanza”.

Peleteiro considera que “non é de recibo que se bloqueen de forma sistemática as iniciativas presentadas polas socialistas” e apunta que o problema reside na “falta de diálogo e transparencia” do equipo de goberno. “Punxín non pode permitirse seguir no ostracismo nin un segundo máis e precisa dun goberno que aposte por investimentos que rematen co abandono que sofre o municipio”, recalcou a voceira do PSdeG-PSOE.

No pleno celebrado no día de hoxe, as socialistas presentaron tres iniciativas que foron rexeitadas polo Partido Popular e o concelleiro non adscrito. Nelas instaban ao goberno municipal a que se puxese en contacto co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a reparación das beirarrúas da N-541, ao seu paso por Barbantes, así como as tarefas de mantemento. As concelleiras socialistas denunciaban que as beirarrúas “atópanse nun pésimo estado, o que supón un grave perigo para os viandantes” e acusaron ao alcalde de “estar ao tanto da situación e de non facer nada para arranxalo”.

Tamén requirían que o goberno municipal procedese ao cumprimento dos acordos plenarios acadados e a creación dunha comisión permanente para o seguimento e control das mocións aprobadas. As socialistas denunciaron na sesión plenaria que no que vai de mandato, “O PSOE presentou 27 mocións, das que 17 foron aprobadas por maioría ou unanimidade, pero moitas delas seguen sen executarse”.

Na terceira moción, o Grupo Municipal Socialista, pedíalle ao Concello a elaboración dun plan de limpeza municipal, que incluíse o mantemento e desbroce de espazos públicos e parroquias do municipio. As socialistas alegaron que a “falta de interese” do grupo de goberno para que o Concello “dispoña de máis persoal” é “manifesta”, xa que tal e como relataron o goberno municipal négase a contar cun obradoiro de emprego, que segundo apuntan, “serviría para mellorar estes espazos”. Alegaron tamén a ausencia dun plan de limpeza “ordenado”.