O PSOE reclama “accións urxentes” para a posta en valor da casa de baños de Outeiro e da súa contorna

Titulares

. O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha iniciativa que defenderán no vindeiro pleno co obxectivo de reivindicar que o Concello acometa “accións urxentes” para a rexeneración da Casa de Baños de Outeiro e da súa contorna, unha zona que os socialistas consideran ligada “á xénese da cidade” e que debe ser “onde se inicie o seu renacemento”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, lembran que a construción se asenta sobre un manancial de auga termal e mineromedicinal que xorde a unha temperatura de entre 40 e 45 graos centígrados, cuxa orixe se remonta á época romana da capital das Burgas. Ademais, poñen de relevo que durante boa parte do século XX o edificio da rúa Baixada do Outeiro operou como exitosa casa de baños, ata que no ano 2012 pechou e comezou “o seu declive cara á absoluta inmundicia”.

“Falamos dunha construción de titularidade municipal, cunha fachada neogótica obra de Vázquez-Gulías, con 1.800 metros cadrados de superficie e que nos anos 30 era sinónimo de esplendor desta cidade”, subliñou o voceiro socialista, Rafa Villarino. “Aquí viñan os bañistas a tratarse de doenzas como a reuma, a artrose ou as enfermidades da pel, e ademais anunciábase nos xornais como estación balnearia á altura das grandes cidades de Europa”, engadiu.

Un inmoble senlleiro, okupado e en ruínas

“Agora a grifería desapareceu, as bañeiras están deterioradas, e vemos que dentro, ademais de estar okupada, atópase nun gravísimo estado de deterioro. Todo isto nun inigualable e privilexiado marco de termalismo que lamentablemente está desaparecido”, censurou Villarino, quen asegurou que “a ruína de tan senlleira edificación é o espello da ruína dunha capital de provincia que esquece, maltrata e desvaloriza o seu patrimonio, a súa historia e a súa cultura”.  

Así as cousas, os socialistas salientan que a rexeneración deste inmoble non debe ser unha intervención puntual, senón que cómpre expandila aos edificios e parcelas lindeiros, incluíndo o antigo cárcere, que “podería abarcar funcións de hospedaxe e elementos de maior escala termal, dedicándose a rehabilitada Casa de Baños a espazo complementario dun complexo maior”.  

No texto da iniciativa, os socialistas instan a “actuar sobre a edificación de xeito inmediato e cunha visión de conxunto sobre o espazo abandonado do que forma parte, en pleno centro da cidade, para superar o efecto de desconexión actual que ocasiona entre os diferentes barrios e o centro urbano, así como a barreira que exerce a respecto do casco histórico”.

Ourense, bluff termal

Ademais, dende o grupo municipal socialista pregúntanse “que foi dunha cidade que usou a auga das termas para xerar riqueza e emprego”, e que agora “esmorece” coas instalacións termais a carón do Miño e a piscina das Burgas “pechadas sine die” e outras como a Chavasqueira ou as Pozas de Maimón “totalmente desaparecidas”, algo que atribúen ao “hercúleo esforzo do Goberno local, conformado por PP e DO, por facer realidade o slogan Ourense, bluff termal”.

“É tempo de mudar este rumbo, de superar a parálise e de aportar ou apartar a quen non contribúe ao ben común. É hora de dar sentido ao progreso, de tomar decisións no ámbito termal”, conclúen.