A situación económica que están a pasar moitos cidadáns por mor das consecuencias da pandemia e das subas dos prezos de bens básicos coma a electricidade, o combustible ou a cesta da compra é difícil.
Neste contexto, Espazo Común afirma que o goberno local levará a pleno o vindeiro xoves a iniciativa de que no 2022, a veciñanza do Carballiño pague aínda máis impostos. Aseguran que a proposta consiste en aplicar a tódalas taxas municipais o incremento do IPC interanual do mes de xuño que ascende a un 2,7 %.
A formación asegura que os propios informes técnicos que acompañan ao expediente indican o innecesario desta medida, xa que hai tempo que ese indicador deixou, legalmente, de ser a referencia para a actualización dos impostos.
Por todo o antedito, Espazo Común vai solicitar a supresión inmediata desta incomprensible proposta.
NOTA COMPLETA DE ESPAZO COMUN
ESPAZO COMÚN PEDIRÁ EN PLENO QUE SE ANULE A SUBA DE IMPOSTOS MUNICIPAIS PARA 2022 PROPOSTA POR FUMEGA
A proposta que levará á sesión deste xoves de subir un 2,7 % as taxas municipais, amosa moi pouca sensibilidade coa difícil situación pola que atravesan familias e negocios.
A proposta de aplicación do IPC para xustificar cobrarlle máis aos cidadáns é unha farsa. O mesmo Fumega negouse no exercizo anterior á súa aplicación cando era negativo e tería suposto unha rebaixa.
É, a todas luces, complexísima, por non dicir angustiosa, a situación económica pola que están a pasar moitos cidadáns por mor das consecuencias da pandemia e das constantes e brutais subas dos prezos de bens básicos coma a elcectricidade, o combustible ou a cesta da compra.
Semella que a incertidume non ten fin e namentres se discute unha suba do Salario Mínimo Interprofesional de 15 € ao mes, o incremento dos gastos que ten que afrontar calquer fogar ou calquer pequena empresa arroxa cifras absurdas.
Neste contexto, atopámonos cunha nova desagradable sorpresa na proposta feita polo alcalde Fumega, quen levará a pleno o vindeiro xoves a iniciativa de que no 2022, a veciñanza do Carballiño pague aínda máis impostos ao Concello.
É a súa intención aplicar a tódalas taxas municipais o incremento do IPC interanual do mes de xuño que ascende a un 2,7 %.
Un prantexamento que amosa moi pouco interese pola situación real dos cidadáns e unha falsidade constante nos argumentos. O ano pasado, o mesmo Fumega e a súa maioría absoluta, rexeitaban a proposta de Espazo Común de aplicar un IPC, daquela negativo, que tería suposto unha rebaixa impositiva para os carballiñeses.
Os propios informes técnicos que acompañan ao expediente e que, moi probablemente, ninguén do goberno se molestara en ler, indican o innecesario desta medida, xa que hai tempo que ese indicador deixou, legalmente, de ser a referencia para a actualización dos impostos.
Sendo O Carballiño xa un concello cunha carga impositiva por veciño moi elevada, moi por riba doutras vilas coma O Barco de Valdeorras ou Verín, non se entende se non na ansia de encher o peto municipal o incremento constante destes últimos anos.
Non é xusto que a veciñanza teña que padecer máis impostos para que despois os que os xestionan os malgasten contratando empresas por milleiros de euros para facer fotocopias de bases; para contratar orquestras a todas horas; para o patrocinio de actividades de amigos ou para asfalto e máis asfalto.
Por todo o antedito, Espazo Común vai solicitar dende o minuto 1 do debate a supresión inmediata desta incomprensible proposta.