Manuel Baltar expresa o seu “especial orgullo por un festival que situou a Ourense no centro das miradas cara o audiovisual galego”

No Centro Cultural Marcos Valcárcel, e acompañado polo director do festival, Miguel Anxo Fernández, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte o presidente provincial deu conta dos principais datos que deixa o OUFF26, “na que sen dúbida é a mellor edición da historia en canto a impacto e retorno mediático e un dos mellores pola resposta do público”

• O festival deixa, entre outros aspectos destacados, 71 películas e 24 países participantes; máis de 9.300 persoas nas actividades; 6.150 espectadores nas proxeccións; unha participación no voto das películas do 87,80 %; unha media da puntuación na sección oficial foi de 3,8 sobre 5; un notable incremento da mocidade nas salas de cine; o aumento de visitas á web oficial e máis interacción nas redes sociais, e unha maior implicación do sector empresarial

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 4 de outubro de 2021.- Manuel Baltar expresou hoxe o seu “especial orgullo por un festival que situou a Ourense no centro das miradas cara o audiovisual galego, na que sen dúbida é a mellor edición da historia en canto a impacto e retorno mediático e un dos mellores pola resposta do público”. O presidente da Deputación valorou así o 26º Festival Internacional de Cine de Ourense á hora de facer balance dun certame do que descatou o “notabilísimo traballo do equipo organizativo, que aínda deixa marxe de superación para que no 2022 falemos de resultados aínda mellores”.

No Centro Cultural Marcos Valcárcel e acompañado polo director do festival, Miguel Anxo Fernández, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte o presidente provincial deu conta dos principais datos que deixa a presente edición do OUFF, “cunha incrible resposta do público, mellor que no 2018 e moi preto das cifras do 2019, esta última a máis importante dos festivais celebrados ata agora”.

Ourense, dixo, “foi durante este días o centro de debate, de reflexión e de negocio do mundo audiovisual galego, permitíndonos ver os froitos da alianza que puxemos en marcha coa Academia Galega do Audiovisual nun sector tan importante para Galicia, ademais de punteiro no ámbito nacional, e do que xurdirán máis proxectos para novas rodaxes na provincia no próximo ano”.

Manuel Baltar puxo énfase no feito de que tanto na inauguración como na clausura do festival proxectáranse dúas películas rodadas en Ourense –Malencolía e Live is life-, destacando que “das case 30 producións realizadas na historia do cinema da provincia, a terceira parte delas foron rodadas nos últimos anos grazas ao apoio que desde o goberno provincial estamos a facer para transformar o territorio nun gran plató de cine”.

Neste sentido apuntou que “desde que asumimos a organización do Ourense Film Festival alcanzamos unha gran visibilidade e calidade, ademais de afrontar un dos peores momentos da historia do certame coa pandemia, pero apostando por resistir e manter o festival cando moitos proxectos culturais quedaron aprazados”.

Xunto coa resposta do público, Manuel Baltar subliñou outros aspectos da presente edición como o achegamento do empresariado local “demostrando que non só o público ten interiorizado o festival, senón que tamén o sector privado ve no OUFF unha plataforma de promoción”.

Miguel Anxo Fernández, que agradeceu a decisión de Manuel Baltar de rescatar hai tres anos o certame, sinalou pola súa parte que se conseguise realizar “ao 100 % o programa, o que di moito do equipo técnico dirixido por Aurelio Gómez, sen esquecer por suposto o apoio da Xunta de Galicia e dos patrocinadores e colaboradores”. Este ano, engadiu, “conseguimos chegar a lugares onde antes non estabamos e iso é fundamental para sentar as bases do que aspiramos que sexa o festival de Galicia”.

Pola súa banda, Carmen Leyte afirmou sentirse orgullosa “da consolidación do festival de cine, pero aínda máis dese salto cara á internacionalización que principiou o pasado ano coa presenza de Francia e agora con Portugal e México”. Como presidenta da Fundación Carlos Velo recoñeceu o importante paso que deron “asumindo a xestión do certame e demostrando que sempre estaremos ao carón do audiovisual galego e polo tanto do festival de Ourense para facelo máis grande entre todos”.

OUFF26 en datos

Os principais datos que deixa a 26 edición do Festival Internacional de Cine de Ourense son os seguintes:

• 93 proxeccións; 71 películas e 24 países participantes.

• 100 % da programación executada.

• Máis de 9.300 persoas participaron nas actividades do festival.

• 6.150 persoas asistiron ás proxeccións.

• O 87,80 % do público –case nove de cada dez espectadores- cualificaron as películas que foron ver.

• A media da puntuación na sección oficial foi de 3,8 sobre 5. A produción mellor valorada foi Mediterráneo cun 4,64 %.

• Rexistrouse un notable incremento da mocidade nas salas de cine.

• Liderado indiscutible desta edición en impacto mediático, co seguimento de cadeas nacionais, así como de Portugal e ata México.

• Incrementouse nun 45 % o tráfico na web do OUFF.

• Nas redes sociais houbo un aumento de seguidores: 30 % en Instagram e 21 % en Twitter, con 1.200 publicacións nos últimos tres meses e 15.000 interaccións.