O BNG considera que se furta a democracia no pleno do concello de Barbadás

O BNG considera que se furta a democracia no pleno do concello de Barbadás, imposibilitando o debate e a votación de alegacións á Ordenanza Reguladora da Escola Municipal de Música

Os nacionalistas denuncian que no pleno de onte por primeira vez desde o ano 1995,  o alcalde pretendeu aprobar esta Ordenanza sen que se puideran debater e votar as distintas alegacións que se presentaran en prazo.

AVANTAR ACTIVIDADES

O BNG de Barbadás foi a única forza política no Concello de Barbadás que presentou alegacións a Ordenanza Reguladora do funcionamento interno da Escola de Música Municipal. Houbo mais alegacións presentadas polo profesorado da EMMB e por un grupo de pais e nais do alumnado.

Os nacionalistas denuncian públicamente que no pleno de onte produciuse unha situación absolutamente fóra dos canones legais, xa que segundo o portavoz Sarín Núñez, “por primeira vez desde o ano 1995, nós xa tiñamos representación no concello, o alcalde de Barbadás pretendeu aprobar esta ordenanza sen que se puideran debater e votar as distintas alegacións que se presentaran en prazo”.

Segundo Núñez “pretendía levalo a cabo, coa presentación para votación dunha proposta na que xa rexeitaba moitas das alegacións, polo que imposibilitou o debate e a votación das distintas alegacións presentadas, coas que pretendiamos enriquecer a ordenanza da EMMB”.

Desde o Grupo Municipal do BNG de Barbadás, “entendemos que é un grave precedente furtar os dereitos democráticos no noso concello, tanto para a cidadanía como para os grupos políticos que a representamos dentro da institución”.

“A verdadeira democracia reside no Pleno Municipal e o sr. alcalde imposibilitou que se dera o debate sobre as alegacións presentadas, que finalmente puideron ser ou non aprobadas. A proposta de alcaldía que trouxeron ao pleno nin sequera aparecía na orde do día”.

O portavoz municipal do BNG en Barbadás, Sarín Núñez considera inuadito o sucedido onte na sesión plenaria ordinaria e reservase “o dereito a acudir á instancia que corresponda para facer valer os dereitos onte furtados en Barbadás”.