O carballiñes Felipe Senén desvelará hoxe os misterios e o simbolismo do templo da Veracruz nas Xornadas palacianas da UNED/UNED

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

NOTA DA UNED

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O relator é un dos grandes coñecedores da monumental igrexa do Carballiño, o único proxecto que Antonio Palacios conseguiu facer realidade máis aló dos planos, na provincia de Ourense.

Na cuarta sesión das Xornadas sobre o legado de Antonio Palacios, seguimos en terras de Ourense, agora coa presenza do relator Felipe Senén López Gómez, que ás 19.00 horas, desde o salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, vai falar sobre A Veracruz do Carballiño na arquitectura de Antonio Palacios: Historia, teoría e simbolismo. O relator é un gran coñecedor deste singular templo da vila, o seu principal monumento por dereito propio. Vai ser unha sesión a de hoxe onde Felipe Senén mostrará moitos detalles deste edificio que non deixa de asombrar a cuantos visítano. O conferenciante de hoxe fixo os seus primeiros estudos no Instituto de Ourense, onde se vinculou como colaborador do Museo Arqueolóxico, dirixido entón por Ferro Couselo, sumándose igualmente ás actividades da agrupación cultural Auriense. Estudou Filosofía e Letras, especialidade de Historia da arte na Universidade de Santiago de Compostela, e fixo fixo prácticas de museología e arqueoloxía co historiador Manuel Chamoso Lamas, participando igualmente como supervisor de campo nas prospeccións arqueolóxicas do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) e na ermida de San Guillermo de Fisterra. En 1975 reorganizou aspectos no Museo Arqueolóxico da Coruña, situado no Castelo de San Antón, sendo nomeado director-conservador. Co ánimo de abrir a institución do museo ao gran público e ás cuestións socioculturais da cidade e de Galicia, creou o colectivo de colaboradores e Amigos do Museo Arqueolóxico, que sería base para a formación do colectivo Amigos dos Museos de Galicia. Co mesmo impulso de dinamización e sensibilización sobre as cuestións arqueolóxicas e patrimoniais da cultura de Galicia, creou e dirixiu desde o museo coruñés o Boletín Brigantium e unha serie de publicacións, á vez que coordinaba traballos de prospección arqueolóxica submarina co Grupo de Investigación e rescate Arqueolóxico Subacuático (XIRAS), dirixido por Rafael Mejuto, na baía da Coruña e outras áreas da costa da provincia, intervindo en aspectos relativos á sensibilización sobre o patrimonio subacuático, lexislación, competencias, cuestións técnicas etc.