O Psoe consegue o apoio unánime do pleno para impulsar o proxecto do gran bulevar termal

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de conseguir o apoio unánime do pleno de Ourense a unha moción para que o Concello de Ourense poña en marcha todas as accións necesarias de cara a lograr “a execución real e efectiva” do proxecto do gran bulevar termal da cidade, aproveitando o pulo do goberno central á Variante Norte e os fondos europeos Next Generation.

A este respecto, a concelleira Natalia González defendeu unha actuación que tachou de “clave e estratéxica” para a cidade, ao tempo que puxo en valor a licitación do primeiro tramo da Variante Norte, unha infraestrutura que “levaba 30 anos pechada nun caixón”, censurou.

AVANTAR ACTIVIDADES

“É unha satisfacción que esta obra vexa a luz co goberno progresista liderado por Pedro Sánchez” celebrou. “Esta inversión de 28 millóns para a cidade complementa outras como son as que consumarán a chegada da alta velocidade a Ourense ou as obras do Museo Arqueolóxico, que están a piques de rematarse, e que se suman ás do complexo cultural de San Francisco”, salientou a socialista.

Ademais, González puxo de relevo que esta obra “abre a porta” ao desenvolvemento termal e turístico da cidade mediante o proxecto de bulevar termal, presentado hai unha década por parte do Goberno socialista local. A concelleira lembrou que aquel executivo xa fixera “un traballo moi importante” ideando a “proposta estrela”, encargando a redacción do anteproxecto e do proxecto, e asinando un protocolo que pretendía ser o inicio do expediente para poder ir avanzando na cesión do ramal sur da N-120.

“O bulevar termal crearía unha gran avenida urbana, estariamos falando dunha zona verde con paseos axardinados e carril bici, que acabaría coa fenda histórica entre a cidade e a zona termal de Ourense”, expuxo.

“Cremos que é o momento e o lugar para empuxar este proxecto e conseguir as partidas económicas necesarias aproveitando o filón dos fondos europeos, xa que é unha actuación susceptible de financiamento”, defendeu a socialista.

Por outra banda, o grupo socialista presentou unha segunda iniciativa en materia de termalismo para rexenerar e pór en valor a Casa de Baños de Gulías e a súa contorna, que obtivo o apoio de todos os grupos excepto dos concelleiros de Democracia Ourensana –que se abstiveron na votación–, e que saíu adiante coa emenda de adición presentada polo grupo do PP.

O propoñente da moción, Rafa Villarino, lamentou o “estado ruinoso” dun edificio que se atopa “nun enclave privilexiado” que a día de hoxe está “esquecido e abandonado” e reclamou que “o núcleo orixinal do termalismo na cidade” sexa tamén “o lugar onde renaza”.

“Se foran visitar o edificio, saberían do seu estado: está franqueable, entra calquera, e ademais, atópase okupado”, destacou Villarino. “E todo isto nunha rúa que se emprega como aparcadoiro e que está totalmente desfeita porque o peralte está defectuoso”, engadiu. “Porén, non fai falta acudir a esa zona para constatar a desfeita termal na cidade”, sinalou o voceiro municipal dos socialistas en relación ao peche da oferta pública termal en Ourense.

O PP e DO rexeitan defender o campus de Ourense

O Partido Popular e Democracia Ourensana tentaron bloquear unha iniciativa para protexer e defender o Campus de Ourense que saíu adiante grazas aos votos favorables do resto da corporación.

Concretamente, o edil Xosé Rúas, propoñente da iniciativa, pediu o apoio do plenario para instar á Xunta de Galicia a reclamarlle á universidade privada de ABanca que retire do seu catálogo aquelas titulacións xa existentes no Campus de Ourense, ao considerar que se está a vulnerar a Lei do Sistema Universitario de Galicia, que establece que a oferta académica das novas universidades debe ser “complementaria e non reiterativa”.

“Nós entendemos que estas titulacións afectan de xeito moi lesivo e descarado ao ofreceren títulos mesmo idénticos aos do campus ourensán, como é o caso de ADE, que se imparte na facultade de Ciencias Empresariais”.

“A que obedece esta lasitude no criterio do goberno de Núñez Feijoo cando se trata de darlle para adiante a unha seudouniversidade privada dependente dunha entidade bancaria mentres mantén un celo e pulcritude extremos cando un campus presenta a verificación das súas memorias para acadar títulos?” inquiriu Rúas. “A min a única palabra que se me ocorre é favoritismo”, concluíu.