G. Caballero destaca en Verín que o traballo socialista permitiu que o PSdeG avanzara en todas as eleccións nesta provincia

G. Caballero: “hai hoxe 4 anos que a militancia das 4 provincias me apoiou maioritariamente e agora toca volver votar en liberdade para seguir avanzando”

Destaca en Verín que o traballo socialista permitiu que o PSdeG avanzara en todas as eleccións nesta provincia e que o PP perdera a maioría absoluta na Deputación de Ourense

AVANTAR ACTIVIDADES

Sinala que “o PSdeG necesita un secretario xeral que combata as políticas da dereita e non apareza de amiguete de Feijóo”

Gonzalo Caballero participou hoxe nunha xuntanza coa militancia socialista en Verín, na mesma xornada que o levou por Monterroso, en Lugo, e por Lalín, na provincia de Pontevedra.

Dende Verín, Gonzalo Caballero reivindicou o “orgullo” de ser socialista tanto no goberno como na oposición, como amosan cada día centos de concelleiros e concelleiras nas catro provincias galegas.

Alí, recordou que hoxe cúmprense catro anos dende que a militancia socialista, “cun amplo respaldo nas catro provincias”, o elixiu secretario xeral. “E agora toca novamente votar en liberdade para seguir avanzando”, recalcou.

Neste punto, avogou por seguir construíndo “un PSdeG forte” cun proxecto socialista  “galeguista, feminista, ecoloxista e, por suposto, de esquerdas” para gañar as eleccións ofrecendo aos galegos e ás galegas unha alternativa ao PP.

“Esa é a liña na que eu traballo cada día, confrontar coas políticas da dereita e con Feijóo en defensa da xente. Outros prefiren amosar a súa connivencia con Feijóo, pero esa non é unha estratexia acertada”, remachou Gonzalo Caballero.

En relación con iso, deixou claro que “o que necesita o PSdeG é ter un secretario xeral que non estea de paseo con Feijóo en campaña”. “O que necesita o PSdeG é ter un secretario xeral que combata as políticas da dereita e non apareza de amiguete de Feijóo”, concluíu.