O museo Arqueolóxico Provincial de Ourense incrementa os seus fondos coas fotografías da familia Conde-Valvís Fernández

O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá as instalacións

  • O delegado territorial explicou que se trata de imaxes que abranguen desde os anos 20 ata os 60 do pasado século e que recollen a actividade arqueolóxica de ourensán Francisco Conde-Valvís Fernández, ademais de escenas da vida cotiá da época 
  • Gabriel Alén subliñou que cómpre sinalar as imaxes relacionadas co conxunto arqueolóxico de Armea, do que Conde-Valvís foi o primeiro en realizar escavacións, con testemuños tanto dos traballos como dos obxectos aparecidos

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén visitou esta mañá o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, xestionado pola Xunta, tralo incremento dos seus fondos cunha colección de imaxes da familia Conde-Valvís Fernández. Trátase de fotografías que abranguen desde os anos 20 ata os 60 do pasado século, aproximadamente, e que recollen a actividade arqueolóxica  de Francisco Conde-Valvís Fernández, ourensán afeccionado a esta disciplina e destacado bibliófilo, ademais de escenas da vida cotiá da época.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén sinalou que actualmente en proceso de inventario, da colección cómpre sinalar as imaxes relacionadas co conxunto arqueolóxico de Armea, do que Conde-Valvís foi o primeiro en realizar escavacións, con testemuños tanto dos traballos como dos obxectos aparecidos. Conta tamén con imaxes da coñecida como basílica do forno de Santa e de achados noutras áreas, entre as que figuran as cabezas castrexas das que fixo doazón ao museo.

Ademais, móstrase o modo de vida dunha familia acomodada das primeiras décadas do século XX da comarca de Allariz-Maceda, xunto algúns retallos de vida rural. Gran parte do fondo está tomado na contorna da vila de Allariz e permite observar como se foi modificando a paisaxe e a arquitectura da zona.

Francisco Conde-Valvís Fernández (1899-1985) formouse en París en Enxeñaría aplicada á electricidade, seguindo a estela do seu pai, quen entre outras empresas, executou o primeiro abastecemento de electricidade á cidade de Ourense. Tamén como herdanza do seu proxenitor, manifestou grande interese polo pasado, especialmente o da provincia de Ourense. Polos seus méritos no eido histórico, Francisco Conde-Valvís Fernández participou como membro da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense e posteriormente estivo vinculado co Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

O seu fillo Francisco Conde-Valvís Manzanares foi quen ingresou as fotografías. Trátase da terceira xeración familiar que contribúe co seu mecenado á colección do Museo.