Manuel Baltar reivindica o papel dos gobernos provinciais á hora de facilitar a participación da cidadanía nos procesos de decisión política

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en calidade de presidente da Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios, Partenalia, e vicepresidente da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios, CEPLI, presidiu hoxe senllos talleres organizados con motivo da celebración da Semana Europea das Cidades e das Rexións 

Participar nestes órganos de representación europeos, dixo Baltar, “fortalece o músculo da Deputación de Ourense para afrontar os novos desafíos que están a xurdir neste período de pospandemia”, pero tamén mostrar o traballo de anticipación e planificación “que nos converten nun goberno provincial de referencia non só en España senón tamén en Europa” 

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en calidade de presidente da Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios, Partenalia, e vicepresidente da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios, CEPLI, presidiu hoxe senllos talleres organizados con motivo da celebración da Semana Europea das Cidades e das Rexións, onde reivindicou “o papel que reclaman de xeito unánime os gobernos provinciais, non só tendo un protagonismo clave no reparto dos fondos europeos, senón tamén á hora de facilitar a participación da cidadanía nos procesos de decisión política”. 

Manuel Baltar subliñou a importancia que ten para Ourense “liderar e participar a través da Deputación nestes órganos europeos de representación provincial, o que supón ter interlocución directa coas altas institucións comunitarias para trasladar as nosas inquedanzas”, lembrando neste sentido o encontro que sobre políticas contra a despoboación rural e o financiamento directa para os territorios provinciais mantivo hai dous anos en Bruxelas co entón presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker; do Comité das Rexións, Karl Heinz Lambertz, e a comisaria de Política Rexional, Corina Cretu. 

Estar presentes nestes ámbitos “fortalece o músculo da Deputación de Ourense para afrontar os novos desafíos que están a xurdir neste período de pospandemia, pero tamén nos permite mostrar a estratexia de planificación que estamos a desenvolver para a captación de fondos Next Generation e no marco financeiro plurianual 2021-2027, así como o liderado do noso goberno provincial en transparencia, a anticipación na xestión coa aprobación dos orzamentos para 2022 antes que calquera outra administración de España, o traballo en rede e mesmo a presenza na xunta de goberno da FEMP”, 

Unha aposta pola participación e a representación, dixo Manuel Baltar, “que nos convirte nun goberno provincial de referencia non só en España senón tamén en Europa, onde das 1.167 provincias que integran a CEPLI só hai un representante español, o presidente da Deputación de Ourense, que ocupa a vicepresidencia da confederación, e a presidencia de Partenalia”. 

Os desafíos e as oportunidades para os gobernos locais intermedios e a transición verde nas provincias foron os contidos das dúas sesións de traballo presididas hoxe por Manuel Baltar e nas que tamén interveu para falar do impulso da administración electrónica a través de servizos innovadores e da transición cara a institucións públicas e o sector privado que sexan exemplo para a sociedade no desenvolvemento de políticas sustentables. 

No encontro da CEPLI, entre outros, tamén participaron destacados relatores europeos como o presidente da rexión alemaña de Hanover, Hauke Jagau; o representante da provincia belga de Brabant-Wallon, Pascal Lafosse; el alcalde de la ciudad rumana de Brașov, Adrian-loan Veștea; ou a secretaria xeral da Convención para o futuro de Europa, Alexandrina Najmowicz, entre outros. Na sesión organizada por Partenalia interviñeron ademais representantes de Segovia, Castellón, Tarragona, xunto con Francia e Bélxica.