A Mobile Week Ourense depositará o seu legado en Santo Estevo para analizar a evolución tecnolóxica dentro de 20 anos

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, subliñou a importancia dunha iniciativa que vinculará “a nosa historia e patrimonio ao futuro, sobre todo nun territorio como a Ribeira Sacra cun pasado cultural e arquitectónico de enorme peso, berce de emprendedores, Reserva Mundial da Biosfera, e candidata a Patrimonio Mundial da Unesco”

Desde o parador de Santo Estevo e como convidado na Semana das Industrias Culturais e Creativas, o director da Fundación Mobile World Capital, Carlos Grau, explicou os obxectivos dun evento que definiu como “un escaparche de primeira magnitude para Ourense, que se converterá nun excepcional campo de probas para unha experiencia pioneira, pois por primeira vez o programa de actividades terá como escenario o territorio e non só un núcleo urbano”

AVANTAR ACTIVIDADES

O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil acollerá entre os seus muros “unha cápsula do tempo na que se depositarán as principais conclusións da Mobile Week Ourense, documento que se extraerá dentro de 20 anos para analizar a evolución tecnolóxica e o seu impacto en todos os ámbitos da sociedade”. Así o anunciou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante o acto celebrado hoxe no parador de Santo Estevo coa presenza do director da Fundación Mobile World Capital, Carlos Grau, convidado no marco da Semana das Industrias Culturais e Creativas – ICC Wek 2021- para explicar os obxectivos dun evento que definiu como “un escaparche de primeira magnitude para Ourense, que se converterá nun excepcional campo de probas para unha experiencia pioneira, pois por primeira vez o programa de actividades terá como escenario o territorio e non só un núcleo urbano”.

Depositar o legado da Mobile Week Ourense no mosteiro de Santo Estevo “é vincular a nosa historia e patrimonio ao futuro, sobre todo nun territorio como a Ribeira Sacra cun pasado cultural e arquitectónico de enorme peso, berce de emprendedores que levaron a cabo unha revolución industrial no sector da automoción como Eduardo Barreiros, desde datas recentes Reserva Mundial da Biosfera, e candidata a Patrimonio Mundial da Unesco”.

“Como goberno esponxa que somos estamos preparados para absorber todo o coñecemento que do 19 ao 23 de novembro achéguennos os expertos que participarán neste evento”, dixo o presidente provincial, quen afirmou que “a nosa intención é falar do que vai vir, provocando respostas aos problemas de conectividade que non só afectan á provincia, senón ao 80 % do territorio europeo”.

Carlos Grau, que agradeceu “a visión e liderado de Manuel Baltar para xerar oportunidades no territorio”, explicou na súa intervención as orixes da Mobile Week, “que naceu en 2017 dando o salto desde o ámbito profesional do Mobile Word Congress para achegarse á cidadanía a través de actividades gratuítas onde se combina a tecnoloxía cos máis diversos ámbitos como a cultura, onde aquí tedes maxia”.

A tecnoloxía, dixo, é unha aliada de primeira liña na mellora da calidade de vida das persoas, “pero do mesmo xeito que ofrece grandes oportunidades tamén pode xerar desequilibrios e desigualdades se non se fai fronte á chamada emerxencia dixital”, da que destacou dúas dos seus desafíos máis importantes: a formación nos novos modelos de emprego, coa previsión de 650.000 postos de traballo no sector dixital para os próximos anos –”e aquí tamén Ourense ten que estar”- e o achegamento dos cidadáns á tecnoloxía, en especial da poboación de maior idade, “para que ninguén quede atrás”.

Avanzou Carlos Grau os eixos temáticos da Mobile Week Ourense, organizada pola Deputación e a asociación Rede Mundo Atlántico e promovida por Mobile World Capital Barcelona, e que virarán ao redor da privacidade e seguridade na internet, as habilidades dixitais e profesionais e o papel das tecnoloxías durante a covid-19. Unha axenda de eventos pensada para mellorar a calidade de vida das persoas que aínda está aberta á participación de institucións, a contorna académica, os axentes sociais e o sector privado, e das que se concretaron algunhas citas, como unha actividade en Castrelo de Miño para impulsar a implantación do 5 G en Ourense e o norte de Portugal, unha nova exposición da xornalista e creativa Teresa Ordás, onde baixo o título de ” Paisojos” retrata a provincia a través da retina dos ourensáns, ou o concerto que o 22 de novembro ofrecerá na Praza Maior de Ourense a lendaria banda de música rock Tequila, na súa xira de despedida por España

Premios Rodolfo Prada

Xa en xornada de tarde, a ICC Week trasladouse desde o parador de Santo Estevo ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde coa asistencia de Manuel Baltar celebrouse o acto de entrega dos premios Rodolfo Prada, instituidos pola Deputación de Ourense para lembrar unha figura histórica da emigración galega en Buenos Aires, onde chegou a ser o gran defensor de Castelao.

O Festival Internacional de Teatro de Ourense ( FITO), foi galardoado co premio á xestión cultural, sendo distinguidos tamén o proxecto Patrimoniogalego.net e o festival ‘Carballo Interplay’, ademais do premio especial concedido polo xurado ao creador ourensán Alfredo Iglesias, editor da coñecida revista ‘ Coralia’, recentemente falecido.

Os premios Rodolfo Prada recoñecen a labor creativo que se desenvolve en Galicia nas artes, o audiovisual, as letras, a etnografía, a música ou o patrimonio, entre outras actividades. O galardón está dotado con 3.000, 2.000 e 1.000 euros respectivamente para os proxectos gañadores, que tamén reciben unha escultura conmemorativa do escultor ourensán Manuel Buciños e un diploma acreditativo.