O BNG denuncia trato de favor na selección para un obradoiro da Mancomunidade de Celanova

 Varias aspirantes presentaron reclamacións por irregularidades na puntuación dos méritos.

·         As candidatas quéixanse do escaso prazo para reunir a documentación requirida, e aseguran que a parte subxectiva do proceso –unha entrevista persoal – decidiu quen entra e quen se queda fóra.

AVANTAR ACTIVIDADES

·         O tribunal estivo composto por persoal da Mancomunidade e persoas elixidas pola propia entidade.

O BNG levará ao próximo pleno da Mancomunidade Terra de Celanova e aos plenos dos concellos afectados as denuncias por irregularidades no proceso de selección do alumnado do obradoiro de emprego Ecoterras, que se resolveu entre o luns e o venres da semana pasada.

As irregularidades denunciadas por varias candidatas producíronse en todas as fases do proceso. Houbo atrasos ao principio, na comunicación ás aspirantes (algunhas non foron avisadas até o mércores, día 6 de outubro), o que dificultou en moitos casos que puideran reunir a documentación a presentar como “currículo socio-laboral”, a parte obxectiva da selección, tres días despois.

Houbo dificultades ao final, no momento de reclamar os resultados, xa que se estableceu un prazo de tres días naturais, do sábado 9 ao luns 11, cando a Mancomunidade non ofrece atención presencial durante a fin de semana. Na resposta, a Mancomunidade non ofrece explicación ningunha a respecto das razóns polas que rexeita todas as reclamacións.

As situacións máis graves e que máis preocupan ao BNG teñen que ver coa fase de entrevista, a parte subxectiva da selección. A diferencia de anos anteriores, o tribunal foi nomeado pola Mancomunidade.

Estivo composto por José Luis Santalices de la Escosura Mourelle (presidente), Lucas Hermida Armada (secretario), Eva RodríguezVíctor Manuel Seijo e Manuela Bande (vogais).

Santalices de la Escosura e Hermida Armada foron, respectivamente, os encargados das entrevistas e da recollida da documentación. Os procesos (entrevista e formulario de documentación) desenvolvéronse ao mesmo tempo con cada unha das aspirantes.

Nalgúns casos, a entrevista en si apenas durou un minuto. Na maioría, non pasou de cinco minutos. Santalices de la Escosura preguntou ás aspirante como pensaban aproveitar á aprendizaxe do obradoiro, se dispuñan de vehículo propio, se sabían manexar unha máquina de rozar. Este tipo de preguntas como método de avaliación provocou as protestas de varias candidatas. O BNG non entende de que maneira se poden avaliar “o interese, as aptitudes, actitudes e capacidades” (tal e como recollen as bases) dun aspirante a través dun cuestionario como ese.

ENTREVISTAS QUE OUTORGAN PRAZAS

Ao fin, a valoración da entrevista serviu para mover algunhas posicións establecidas na puntuación que obtiveron as aspirantes co “currículo socio-laboral”. No caso de Celanova, que tiña concedidas catro prazas no obradoiro, o tribunal valorou con 11 puntos o resultado da entrevista cunha candidata que por méritos figuraba na sexta posición, mais esta puntuación serviulle para adiantar dúas candidatas que recibiron tres puntos menos.

Na práctica, a persoa seleccionada recibiu un 40,7% dos seus puntos a través da entrevista. As dúas persoas eliminadas, o 30,7% e o 32%, respectivamente.

No caso da Merca, con tres prazas no obradoiro, dúas das persoas finalmente seleccionadas obtiveron as máximas puntuacións rexistradas na entrevista (12 puntos sobre 13), superando desde modo a outras tres candidatas con máis puntuación nos méritos acreditados. Estas dúas aspirantes seleccionadas obtiveron o 42,8% e o 41,3% da súa nota a través da entrevista.

En Cartelle, tres puntos de diferencia na entrevista decidiron unha das tres prazas. En Verea Gomesende tamén decidiu unha praza en ambas. 

QUEIXAS NA RECOLLIDA DO CURRÍCULO E FALTA DE INFORMACIÓN

Algunhas queixas tamén fan referencia á outra parte do proceso, a puntuación do currículo. Neste caso os criterios figuraban nas bases e eran moi precisos. Concedíanse 4 puntos a determinado grupo de idade (18 a 29 anos), aos non perceptores de protección por desemprego, aos desempregados de máis longa duración e con menor categoría profesional.

Algunhas reclamacións teñen que ver con documentos acreditativos que non se tiveron en conta, mais tamén houbo casos de aspirantes que non chegaron a tempo, cun prazo tan escaso, de presentar toda a documentación da que dispuñan. E outras que, por culpa de cambios normativos nos que a acreditación da Xunta é válida pero non a do Estado, non puideron sumar eses méritos.

En xeral, as aspirantes sinalan que houbo un atraso considerábel á hora de advertir do proceso de selección e que as bases só estaban accesíbeis na propia sede da Mancomunidade. Nin no Facebook da entidade nin na portada da web estivo esa información a disposición da veciñanza durante a semana pasada.

As bases da convocatoria entraron no rexistro electrónico o 27 de setembro, unha semana antes de que se empezara a avisar á maioría das aspirantes. Algunha das candidatas recibiu a carta da convocatoria esta semana; é dicir, unha semana despois de que tivese lugar o proceso.

PERSOAS VULNERÁBEIS

“O goberno caciquil do clan Cortés volveu actuar con total desprezo polas normas de obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación que a Mancomunidade reflicte nas bases da propia convocatoria. José Antonio Pérez Cortés segue repartindo prebendas a conta dos cartos públicos; nesta ocasión a conta da Xunta e do Ministerio de Trabajo do Goberno do Estado”, critica o responsábel comarcal do BNG, Manuel Ferro.

O portavoz nacionalista advirte que moitas das aspirantes son persoas en situación de vulnerabilidade e que concursos como este, que presentan numerosas irregularidades e ofrecen dúbidas a respecto da obxectividade dos membros do tribunal, engaden máis sufrimento e sensación de desamparo estas persoas.