Gonzalo Caballero inicia a campaña “cheo de ilusión” apelando ao “voto masivo e libre da militancia” para “seguir avanzando pola esquerda”

Reclama en Xinzo e Celanova o apoio dos socialistas ourensáns que confrontan con Baltar “fronte aos que preferiron asesorar en materia de transparencia” ao presidente da Deputación

Gonzalo Caballero mantivo hoxe sendos encontros coa militancia do PSdeG nas casas do pobo de Xinzo de Limia e Celanova, xusto no día no que arranca oficialmente a campaña das primarias.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende a provincia ourensana, Gonzalo Caballero fixo un chamamento a votar “masiva e libremente” o vindeiro 30 de outubro e a facelo “en liberdade, sen presións por parte de ninguén”.

“É a militancia a que manda”, subliñou, reivindicando así a forza da militancia que quere “seguir avanzando pola esquerda” para dar a Galicia unha alternativa de progreso.

“Estou cheo de ganas e de ilusión”, proclamou Gonzalo Caballero, “vendo as casas do pobo cheas de compañeiros e compañeiras que queren seguir avanzando e non retroceder”. “Porque temos que acertar no proxecto de futuro para Galicia”, formulou.

“Vexo unha maioría que quere avanzar pola esquerda, avanzar no galeguismo, avanzar no feminismo, avanzar no ecoloxismo e avanzar no compromiso ético”, remarcou, e chamou a “gañar dentro, coa forza da militancia, para gañar fóra, coa cidadanía”.

Ademais, Gonzalo Caballero puxo en valor “o orgullo socialista” dos compañeiros e das compañeiras socialistas que levan décadas loitando contra “o caciquismo do PP” na provincia de Ourense.

A todos eles pediulles o apoio nas primarias “fronte aos que preferiron asesorar en materia de transparencia” a Baltar.