O Movemento Veciñal e a Cultura

Xosé Carballido Presas

Presidente Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo

AVANTAR ACTIVIDADES

A cultura permítenos evolucionar de xeito exponencial respecto ao resto de seres vivos. Os mamíferos que viven en zonas frías tardaron varias xeracións en adaptar o seu pelaxe para soportar ás xélidas temperaturas invernais e, neste período de adaptación, moitos individuos chegaron a desaparecer pola inadaptación. O ser humano, pola contra, comezou a utilizar roupas e peles para protexerse da choiva e do frío, e aprendeu a dominar o lume para quentarse, solucionando en escaso tempo un grave problema adaptativo do resto das especies.

Outro tanto pasou cando aprendeu a plantar as sementes, fertilizalas, coidalas e recoller as colleitas: o cultivo do solo para a produción de alimentos ou, etimoloxicamente, a agricultura, que permite á raza humana deixar de depender da recolección. A cultura do agro pon fin ao nomadismo e comeza o asentamento das poboacións creando pobos e cidades. Este paso transcendental foi o inicio do que podemos chamar CULTURA, pois as novas xeracións non tiñan que reinventar o que xa estaba inventado: a transmisión oral ou escrita mediante símboloxía ou alfabetos permitía a transmisión do coñecemento á descendencia. Velaí a grandeza da CULTURA.

Esta observación xa nos permite as primeiras conclusións: a cultura ten o seu núcleo na propia aldea, onde a sociedade se auto-organiza e transmite o coñecemento aos seus iguais e, ademais, é factor económico fundamental para o desenvolvemento das comunidades: a produción de alimentos permite un crecemento poboacional expansivo e o excedente agrario permite acceso a bens antes inalcanzables: nace o concepto moderno de economía.

Polo tanto, Cultura non é antónimo de Economía, senón sinónimo, e o dilema Cultura vs Economía que se parece transmitir desde a casa grande da Praza Maior de Outrense é falso, non existe. Esta cultura que xurde orixinariamente no núcleo social, no barrio, na aldea, na vila ten un carácter integrador, gregario, que xera atractivo para propios e estraños. Por iso nos gusta visitar outras vilas, outras cidades, outros países e coñecer outras culturas. E estes movementos xeran riquezas, dinamizan o comercio local e enchen restaurantes e hoteis.

E como xa indiquei, o xermolo está nos pobos, nas pequenas comunidades con escasos recursos. Por iso que as institucións cometen un grave erro se deixan de apoiar as iniciativas que xorden desde “abaixo”. O movemento veciñal e asociativo está a manter con grande esforzo unha actividade cultural local que debería complementar -non substituir- á propia actividade institucional as veces escasa ou inexistente.

En Seixalbo levamos 34 anos organizando o Mes Cultural desde a Asociación Veciñal, cunha extensa programación de conferencias, obradoiros, teatro, música, xornadas de convivencia veciñal e intercultural, andainas solidarias, etc que complementa a actividade da Asociación Cultural Agromadas. Neste senso, temos o privilexio e orgullo de formar parte dunha tribo comprometida e inquieta. E temos pensado seguir, aínda que carezamos do apoio institucional, pero este desleixo que percibimos nos últimos tempos, non deixa de preocuparnos e entristecernos. Quizais sexa o momento de lanzar un S.O.S. para que Ourense volva ser a “Atenas de Galicia”.


Curriculum de Xosé Carballido

Enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias, Hortofruticultura e Xardinería pola Universidade de Santiago

Máster en Viticultura e Enoloxía

Ex-director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Xunta de Galicia

Ex-director xeral de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense

Ex-director xeral de Rehabilitación Urbana do concello de Ourense

Presidente da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo

—————————————————————————————————

Outros artigos de Xosé Carballido

Tempo de vendima

O Gran Balneario de Ourense

A tarifa eléctrica

Terra agraria, a lei como instrumento”

O Rural si, pero…

Recuperar o Rural

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser