A Xunta organiza un curso de inglés comercial aplicado ó sector do viño na Evega

Publicidade ASPADISI

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar na Estación de viticultura e enoloxía de Galicia (Evega), no concello ourensán de Leiro, un curso de inglés comercial aplicado ao sector do viño. Programado entre o martes 26 de outubro e o luns 29 de novembro, pretende ser unha formación a medida cun total de 60 horas de duración distribuídas en 25 días.

Coa iniciativa búscase dotar os participantes de ferramentas útiles que poidan ser postas en práctica en procesos de internacionalización de viños galegos, tanto en accións de promoción como en negociacións con posibles clientes foráneos. Así mesmo, perséguese axudar aos profesionais dos departamentos de internacionalización das empresas galegas do sector vitivinícola a realizar unha correcta comunicación oral e escrita en inglés.

HIPER MASIDE

Nesa liña, no amplo programa constan contidos que van desde os aspectos culturais dos países de fala inglesa, ás denominacións de orixe, ás distintas rexións vitivinícolas ou aos diversos tipos de consumidor. Tamén se abordarán as marcas como ferramentas de venda, as novas tecnoloxías para chegar aos mercados internacionais e as estratexias de posicionamento. Ao tempo, explicarase a terminoloxía inglesa relacionada coas catas, cos viñedos ou cos procesos de fabricación do viño, transmitindo habilidades para organizar eventos en inglés ou para levar a cabo técnicas de negociación. Cabe destacar que todas as unidades inclúen casos prácticos para estimular o desenvolvemento de habilidades de expresión e comunicación.   

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. Os interesados en acudir poderán cubrir a solicitude pertinente que atoparán no seguinte enlace (https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021) e remitila cuberta ao enderezo electrónico maria.j.gonzalez.gonzalez@xunta.es. Se queren solicitar calquera información adicional, poderán chamar ao teléfono 981 540 062.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.  


VIDEO SPOT LEIRO en BADAL TV

CONCELLO DE LEIRO