Gabriel Alén repasa cos empresarios de San Cibrao os recentes investimentos

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao, José Antonio Rodríguez e parte do seu equipo para facer repaso das últimas actuacións desenvolvidas polo Goberno autonómico nesta área empresarial.

O delegado territorial trasladoulle, entre outras actuacións, que a Xunta licitará este ano as obras para a construción no polígono empresarial dun tanque de tormentas, cuxo proxecto se está a redactar nestes momentos. Así, indicou que o Goberno galego investirá preto de 300.000 euros nesta infraestrutura, coa que responderá a unha “histórica e vella demanda” dos empresarios afincados nesta superficie empresarial.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por outra banda, Gabriel Alén lembroulle que a finais do mes de xullo, o consello de administración de Xestur autorizou a licitación do contrato para a redacción da modificación do plan parcial e a redacción do proxecto de urbanización da ampliación do Parque Tecnolóxico por un importe de case 154.000 euros; e que ademais foron atendidas todas as demandas presentadas en canto á modificación das rutas e paradas de autobús para axustarse ás necesidades de traballadores e visitantes.

Así, recalcou o delegado territorial, “avánzase un paso máis na creación de solo empresarial ao sur de Galicia, un obxectivo no que espera contar coa colaboración do Concello, xa que é a entidade que debe tramitar a modificación do plan parcial e do proxecto de urbanización”.

O representante do Goberno galego informoulles tamén que os criterios impostos polo Goberno de España para os fondos Next Generation de Mobilidade impiden que se poida avanzar con maior intensidade en proxectos estratéxicos como a prolongación do acceso ao polígono de San Cibrao e á Cidade do Transporte desde a A-52, ao primar os investimentos nos municipios de máis de 50.000 habitantes e establecer condicións de difícil cumprimento para os de máis de 20.000, deixando á marxe deses investimentos aos municipios máis pequenos.