O Psdeg-Psoe presenta alegacións aos orzamentos da Deputación de ourense de 2022

O Psdeg-Psoe presenta alegacións aos orzamentos da Deputación de ourense de 2022 co fin de que Baltar deixe de usar os cartos públicos partidistamente.

Gómez asegurou que “non hai lexislación que aguante o que está a pasar nesta Deputación, especialmente a nivel europeo” e cualificou de “infame” o proceder de Baltar cos cartos públicos de todos e todas

AVANTAR ACTIVIDADES

Villarino insistiu en que “non podemos pechar os ollos ante esta inxustiza” tras detallar que as alegacións e a moción pedindo axuda a outras administracións son dúas medidas “pero haberá máis”

O PSdeG-PSOE vén de presentar alegacións aos orzamentos da Deputación de Ourense para o 2022, co fin de que Manuel Baltar “deixe de usar os cartos públicos partidistamente para intereses personalistas”, mediante a “concesión indiscriminada e masiva de subvencións, fondos e proxectos a dedo”, nunha “feira do caciquismo baseada na vulneración da lei e da Constitución, un proceder inaudito en todo o Estado”.

Ás alegacións súmase unha iniciativa que se debaterá no pleno de outubro, para pedir que as institucións estatais actúen ante a “constante afrenta do PP de Baltar contra a democracia”. Por iso instarán ao Goberno central e á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) a que “acorden unha normativa para determinar criterios obxectivos e equitativos de distribución dos fondos públicos das deputacións entre os municipios”. E, unha vez máis, tamén reclamarán do goberno provincial un “sistema de distribución dos fondos públicos baseado en criterios obxectivos, xustos e equitativos”.

O vicevoceiro, Nacho Gómez, asegurou en rolda de prensa que “non hai lexislación que aguante o que está a pasar nesta Deputación, especialmente a nivel europeo”, porque “se os veciños e veciñas desta provincia pagan de forma xusta e equitativa os seus impostos, o que non poder ser e que logo os fondos públicos se distribúan inxustamente”. Gómez cualificou de “infame” o reparto “a dedo” só entre concellos con alcaldes e alcaldesas “da corda de Baltar” e concretou que “isto non vai rematar nunha cuestión administrativa porque imos seguir dando a batalla”.

O voceiro, Rafa Villarino, insistiu en que “non podemos pechar os ollos ante esta inxustiza” porque “non é posible soster un modo de actuar como este máis tempo”. Villarino detallou a moción que se debaterá no pleno reclamando a intervención doutros organismos e advertiu que estamos ante “dúas medidas pero haberá máis porque non imos quedar de brazos cruzados”, polo que están a estudar todas as posibles, tamén as legais que correspondan. “Non imos permitir que en 2025 teñan que pechar a persiana para integrarnos noutra provincia, a poder ser democrática”, insistiu tras detallar o declive de Ourense tras tres décadas de baltarismo.

Alegacións contra un proceder “inconstitucional”

Nas alegacións, os socialistas defenden que “o esperado nun estado social e de dereito é que a administración pública que xestiona o gasto, execute este gasto cos mesmos criterios de equidade que son a base para o seu financiamento”, a través dos fondos provintes das administracións centrais e autonómica, algo que, aseveran, non sucede no proxecto orzamentario aprobado inicialmente.

No referente ás subvencións, aseguran que a Deputación “converteu en regra xeral o que é unha excepción na norma, as subvencións nominativas que son as que se conceden a unha entidade ou persoa en concreto sen que exista un concurso previo”. Ante isto piden “criterios de reparto cuns preceptos previos, razoables e razoados”, co fin de “reconducir a tramitación dos procedementos de concesión para que prime, como estipula a norma, a concorrencia competitiva”. Tamén reclaman maior transparencia “salvo que de forma expresa e intencionada preténdase vulnerar o estipulado na lei”.

No referente á asistencia e cooperación aos concellos a través dos plans provinciais estipulados na lei, desde o PSOE pretenden que se diten “normas de obrigado cumprimento, que regulen a distribución territorial dos fondos destinados a investimento, empregando criterios como poboación, superficie do territorio, dispersión dos núcleos de poboación ou niveis de paro, entre outros”.

Os socialistas alegan para “superar o actual estado de discrecionalidade masiva e permanente”, xa que “este exceso de discrecionalidade acaba necesariamente en arbitrariedade, cuestión esta inconstitucional”. “Pretendemos que os fondos se distribúan territorialmente con criterios obxectivos, reducindo drasticamente a discrecionalidade na asignación”, insisten.