O grupo popular cualifica como “insólita tolemia destrutiva” a política do PSOE contra a provincia

O portavoz do grupo provincial popular, Plácido Álvarez lamentou que “os dous políticos máis destrutivos para a historia de Ourense -Villarino e Gómez- se opoñan a un orzamento provincial nunha estratexia exclusivamente partidista e de xeito inconsciente, sen pararse a pensar nas fatais consecuencias que terá esta desafortunada decisión para os todos os concellos da provincia”

Con este movemento, “o PSOE supera o seu propio listón no exercicio dunha política que só ten unha máxima: ir contra a provincia, como xa vimos co seu recurso contra as axudas aos autónomos, pero que tamén se reflicte perfectamente no Concello de Ourense”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 21 de outubro de 2021.- O partido socialista está instalado nunha “insólita tolemia destrutiva contra a provincia de Ourense, da que xa vén dando mostras desde hai tempo, pero que agora alcanza niveis absolutamente lamentables nun auténtico exercicio de deslealdade e de permanente confrontación na Deputación”, afirma o portavoz do grupo provincial popular e vicepresidente terceiro da institución, Plácido Álvarez, logo das manifestacións realizadas polos deputados socialistas Rodríguez Villarino e Ignacio Gómez.

“Os dous políticos máis destrutivos para a historia de Ourense -dixo Álvarez- opóñense a un orzamento provincial nunha estratexia exclusivamente partidista e de xeito inconsciente, sen pararse a pensar nas fatais consecuencias que terá esta desafortunada decisión para os todos os concellos da provincia”, lembrando todos os programas de cooperación que, desde o día 1 de xaneiro de 2022, se porán en marcha grazas a anticipación na aprobación dos orzamentos, como os plan de obras, rozas, recollida de lixo, servizos sociais e outras iniciativas dirixidas á mellorar os servizos públicos que as entidades locais ourensás prestan á súa veciñanza.

Para o portavoz popular, “con este movemento o PSOE supera o seu propio listón no exercicio dunha política que só ten unha máxima: ir contra a provincia, como xa vimos co seu recurso contra as axudas aos autónomos, pero que tamén se reflicte perfectamente no Concello de Ourense, obstaculizando un investimento de 12 millóns de euros da Fundación Amancio Ortega para unha residencia de maiores ou opoñéndose e recorrendo tamén á vía xudicial contra unha modificación de créditos de 62 millóns de euros.

“Nada detén a Villarino e Gómez nesta forma de entender o exercicio da oposición e que eles traducen, ao contrario dunha política en positivo e construtiva, como poñerse en contra das persoas, dos concellos, das institucións e das entidades sociais e económicas, nun comportamento ao que asisten atónitos os cidadáns”, engadiu o portavoz popular.

Mesmo falan de Europa, criticou, “sen ter idea do importante que é para a provincia de Ourense estar presente e ter voz en entidades europeas que defenden os intereses dos gobernos locais, onde é recoñecida a anticipación, planificación e liderado en transparencia do noso goberno provincial, hoxe representado en Alemaña”, en referencia á celebración do Día Europeo do Patrimonio Termal que preside Manuel Baltar na cidade de Wiesbaden, como presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA).

Álvarez asegura que “estamos ante unha burda estratexia para poñer en entredito a un goberno democrático que é referencia entre os gobernos provinciais de España, cando á hora da verdade deberían estar máis centrados nos problemas de liderado do seu partido antes de que os seus representantes na Deputación acaben coa súa formación na provincia”.

Desde un punto de vista partidista “ogallá sigan así moito tempo, pero nós pensamos nos ourensáns e sentimos magoa de que representen a Ourense persoas que fan do ataque permanente aos intereses xerais da provincia  a súa forma habitual de facer política”.