Ourense afronta a recuperación da economía na etapa pospandemia co compromiso inversor do goberno galego

Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022

Os 1.470 millóns de euros destinados á provincia (correspondentes a gastos non financeiros, excluído o capítulo 3) supoñen 4.809 euros por habitante, “no contexto do orzamento máis alto da historia, co maior gasto social, máis investimentos e, sobre todo, pensando nas persoas, nas familias e nas empresas cunha nova baixada de impostos da que se beneficiarán as ourensás e ourensáns”, afirmou a parlamentaria Marisol Díaz

AVANTAR ACTIVIDADES

·       Do documento económico presentado hoxe no Parlamento destaca “a firme aposta pola modernización do sistema sanitario público e infraestruturas que van achegar a alta velocidade a comarcas como Valdeorras, ademais de seguir avanzando en compromisos xa adquiridos”

A provincia de Ourense vai afrontar a recuperación económica na etapa pospandemia co compromiso inversor da Xunta de Galicia en 2022, tal e como recolle o proxecto de orzamentos do goberno galego para o vindeiro ano, presentado esta mañá no Parlamento de Galicia, “e onde vemos unha firme aposta pola modernización do sistema sanitario público e infraestruturas que van achegar a alta velocidade a comarcas como Valdeorras, ademais de seguir avanzando en compromisos xa adquiridos”, destacou a parlamentaria Marisol Díaz Mouteira tras unha primeira análise do documento económico.

En representación dos parlamentarios ourensáns, Díaz Mouteira subliñou os 1.470 millóns de euros destinados á provincia -correspondentes a gastos non financeiros, excluído o capítulo 3-, o que supón 4.809 euros por habitante, “no contexto do orzamento máis alto da historia, co maior gasto social, máis investimentos e, sobre todo, pensando nas persoas, nas familias e nas empresas cunha nova baixada de impostos da que se beneficiarán a meirande parte das ourensás e ourensáns”.

Mouteira puso énfase nunha das máximas destes orzamentos, a blindaxe das infraestruturas sanitarias, destacando os 21,8 millóns de euros que consolidan o compromiso da Xunta de Galicia coa modernización integral do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, “non só no relativo a infraestruturas, senón tamén á incorporación de últimas tecnoloxías e equipamento sanitario, ademais dos case 2,5 millóns para os hospitais comarcais de Verín e Valdeorras, pero tamén na atención primaria co Centro Integral de Saúde de Ourense”. E ademais, “tamén en materia de persoal, imprescindible para aproveitar de modo eficiente e cara un mellor servizo público sanitario todos estes avances, xa que a provincia de Ourense tamén se beneficiará das 1.330 novas prazas de profesionais previstas nos orzamentos”.

Quixo destacar por outra banda a parlamentaria ourensá os 64 millóns de euros que destinará á provincia a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, “que nos seus orzamentos recolle a demanda do oriente ourensán para acondicionar a estrada autonómica OU-533 (A Gudiña-A Rúa), o que suporá facilitar a conexión coas comunicacións de altas prestacións cara a meseta e o norte de Portugal (AVE e A-52) para máis de 35.000 ourensáns que viven en vinte concellos”.

Nunha provincia onde o 80 % do territorio é rural, engadiu Díaz Mouteira, “a Xunta de Galicia tamén ten entre os seus obxectivos constribuír a que os sectores agrícola, gandeiro e forestal participen do progreso social e económico, e por iso Medio Rural vai destinar 3,7 milóns de euros á captación de augas para os regantes da Limia ou impulsar o proxecto Interlumes en Verín”, detallando ademais otras importantes actuacións no capítulo de solo empresarial como os 3,8 millóns de euros que se investirán en Xinzo da Limia.

Con todo, sinalou, “mantéñense otros compromisos xa adquiridos como a construción do centro de atención a persoas discapacitadas coa achega de case 6,7 millóns de euros, os 5,2 millóns que permitirán poñer en marcha o parque acuático de Monterrei ou os 4,6 millons destinados á nova planta de biorresiduos de Verín”.

En definitiva, apuntou a representante ourensá, “fronte ao abandono de proxectos esenciais para a provincia e os machadazos fiscais que día si e día tamén nos está a anunciar o goberno de Sánchez, en Galicia o executivo do Partido Popular, sen socios aos que contentar, pensa primeiro nas familias e no sector económico, na rebaixa de de impostos, no reforzo do gasto social e o investimento produtivo e na modernización dos servizos públicos para voltar ao crecemento e superar os niveis de riqueza previos á pandemia”.

INVESTIMENTOS DESTACADOS POR CONSELLERÍAS.

Presidencia.

®    5.236.917 € para o parque acuático de Monterrei, en Pereiro de Aguiar, confinanciado pola Deputación de Ourense.

Vicepresidencia Primeira. Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

®    1.000.000 € para o novo edificio administrativo de Ourense

®    1,13 millóns de euros para o albergue de peregrinos de Piñor

®    260.000 euros para o albergue de peregrinos de Riós.

Vicepresidencia Segunda. Consellería de Economía, Empresa e innovación

®    1.540.140 € para modernización, emprendemento e innovación do comercio e das pemes comerciais.

®    812.500 para a mellora de infraestruturas en parques empresariais de titularidade municipal.

®    400.265 € para a renovación do edificio, instalacións e funcionamento do Laboratorio Oficial de Metroloxía.

®    250.000 € en axudas para aproveitamentos lúdicos de augas termais.

®    2.863.069 € para promoción e calidade, deseño, innovación, valorización e dixitalización da industria forestal e axudas para primeira e segunda transformación.

®    2.244.000 € en axudas para emprendedores.

®    295.000 € para o Ecobarrio da Ponte.

®    250.000 para a mellora da iluminación de edificios históricos.

Consellería de Sanidade

®    21.836.868 € para o Plan Director de Ourense: Novo edificio de hospitalización; reforma do Materno-Infantil (licitado en xullo e que se adxudicará antes de final de ano); reforma da UCI; reforma da unidade de medicina nuclear (próxima adxudicación do proxecto); novos edificios ambulatorio e administrativo (licitación do proxecto).

®    1.147.645 € para as obras de reforma do hospital do Barco de Valdeorras, xa adxudicadas, nas consultas externas e nas áreas de cirurxía maior ambulatoria, hospital de día e farmacia.

®    1.337.589 € para a ampliación do hospital de Verín, proxecto xa adxudicado e do que se van licitar as obras.

®    1.572.287 € para o Centro Integral de Saúde en Ourense, que estará situado no actual centro de saúde Nóvoa Santos e do que xa está a punto de adxudicarse o proxecto.

®    Dos 90 millóns de euros que a Xunta de Galicia investirá en 2022 en tecnoloxía e equipamento sanitario, a provincia de Ourense beneficiarase coa incorporación no servizo de medicina nuclear (que se vai reformar) dun equipo de tomografía de última xeración. Ademais, o CHUO poderá renovar equipos de ecografía e completar a modernización dos bloques cirúrxicos coa compra de diverso equipamento, entre outras actuacións.

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

®    Máis de 6,6 millóns para obras de conservación, vialidade invernal e mellora de firme nas estradas autonómicas da provincia.

®    Previsión plurianual de investimento de 6,75 millóns para continuar coa rolda leste, entre a estrada OU-105 en Benposta e a N-525, para pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52.

®    Acondicionamento das estradas autonómicas OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa, e a OU-533, de conexión con A Gudiña, cun investimento en 2022 de 1,5 millóns e compromisos plurianuais de 19,5 millóns.

®    Melloras nos accesos aos hospitais da área sanitaria da provincia con 450.000 euros.

®    No ámbito do transporte, a Xunta investirá o próximo ano 18,5 millóns dos que 15,4 se destinarán ao mantemento do Plan de Transporte Público.

®    660.000 euros para optimizar estacións de autobuses e infraestruturas de transporte no rural, ademais do nodo de comunicación intermodal do Carballiño.

®    500.000 euros para a posta en valor e mellora da iluminación de pontes.

®    Máis de 1,5 millóns para reforzar sistemas de abastecemento e saneamento no rural: Avión, Muíños, San Cibrao das Viñas, Leiro, Boborás, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar e Beariz.

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

®    1.788.280 €  para o Parque Tecnolóxico de Galicia.

®    3.779.823 € para o Parque empresarial de Xinzo de Limia.

®    526.800 € para o Plan Rexurbe en Ribadavia.

®    170.000 € para reparación de vivendas en Carballeda de Avia.

®    4.609.806 € para a construción da nova planta de biorresiduos de Verín.

®    3.175.927 para obras do plan Hurbe (Humanización e equipamento de espazos públicos).

®    635.128 € en axudas para a redacción de planeamentos urbanísticos.

®    261.950 € para plans básicos municipais.

Consellería de Medio Rural

®    3,7 millóns de euros para o plan de infraestruturas de regadío no medio rural, coa construción de 42 novos pozos na Limia para catro comunidades de rega nos concellos de Xinzo, Porqueira e unha parte de Trasmiras.

®    3,05 millóns para a construción e posta en funcionamento dunha base aérea en Verín (proxecto Interlumes).

®    1.949.500 € para o procesado, comercio e desenvolvemento de produtos agrícolas.

®    1.510.000 € para apoio á viticultura, tanto en axudas a investimentos recollidas na Organización Común de Mercados dos Produtos Agrarios (OCM) como para internacionalización.

®    896.687 € para o fomento de novas plantacións e restauración de soutos abandonados.

Consellería de Política Social

®    6.692.348 € para o centro de atención a persoas discapacitadas de Ourense.

®    1.250.000 € para a creación, remodelación ou adaptación de equipamentos de atención a persoas maiores ou con discapacidade.

®    430.826 para casas do maior.

Consellería de Emprego e Igualdade

®    1.500.000 € para actuacións en estratexias de autónomos.

®    1.140.000 € para sistemas de información e apoio á xestión do emprego.

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

®    5.045.822 € para a mellora funcional dos centros públicos de ensino.

®    1.250.000 para mellora de infraestruturas educativas.

®    1.013.719 € en axudas para libros de texto e material escolar.

®    1.282.389 € para actividades de promoción e difusión cultural.