O Grupo Socialista urxe á xunta á elaborar o estatuto da muller rural

A deputada socialista Noa Díaz instou hoxe á Xunta a iniciar a elaboración do Estatuto da Muller Rural de Galicia, “unha ferramenta imprescindible para conseguir a plena igualdade entre as mulleres e homes rurais”. A parlamentaria lembrou que esta iniciativa foi presentada polo PSdeG como proposta no Debate do Estado da Autonomía e que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos.

A deputada socialista subliña que “a ruralidade é un factor de vulnerabilidade que tamén se debe ter en conta nas políticas de igualdade”, polo que “son precisas políticas transversais para o territorio rural con perspectiva de xénero”. Neste contexto, Noa Díaz sinala que o goberno galego debe empezar a redactar ese Estatuto, “en colaboración con todas as asociacións de mulleres rurais de Galicia”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O Grupo Socialista “entende que é preciso desenvolver políticas transversais para o rural con perspectiva de xénero, fornecendo de ferramentas que garantan os dereitos das mulleres que viven no rural”. Desta maneira favorecerase e promoverase “en condicións de igualdade” a súa incorporación á vida laboral. A maiores tamén se garantirá o seu acceso á formación e a súa participación no desenvolvemento sostible do seu entorno.

Noa Díaz explica que, con estes obxectivos, o Estatuto da Muller Rural de Galicia “deberá recoller todas as medidas precisas para conseguir a igualdade real”.  Entre outras cuestións, terá que “incorporar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos do sector, recoñecer os dereitos das mulleres traballadoras do rural e eliminar así as discriminacións que sofren”. Finalmente, tamén servirá “para garantir o recoñecemento profesional tanto das mulleres que viven directamente do sector como das que traballan na transformación dos produtos derivados”.

Noa Díaz lembra que a proposta “é unha vella reivindicación das asociacións de mulleres do rural galego, nomeadamente Fademur”. Foi esta entidade a que lle trasladou “a necesidade urxente de que Galicia, como xa acontece con outras comunidades autónomas do Estado, dispoña dunha ferramenta que garanta á muller rural unha serie de dereitos e de garantías profesionais que ata o de agora non teñen”.

“Axudará sen dúbida”, conclúe a deputada do PSdeG, “a rachar coa discriminación que sofre a muller rural”.