O PSOE de Cartelle denuncia que o goberno municipal abandonou por completo o campo da feira de Cartelle

. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que o goberno municipal do Partido Popular abandonou por completo o campo da feira de Cartelle, convertido nunha “auténtica selva” na que a maleza, o lixo e ata restos de maquinaria se atopan espallados por toda a zona deixando unha imaxe “dantesca e lamentable”. Os socialistas critican que o PP “non aposte polo coidado e mantemento das zonas verdes e das áreas recreativas” e afirma que a veciñanza “xa está farta de non poder empregar estas zonas polo perigo que supón camiñar por elas”.

Dende o Grupo Municipal Socialista fan fincapé en que o concello de Cartelle “está sumido no caos absoluto” da man do alcalde Jaime Sousa e da alcaldesa na sombra, a senadora Carmen Leyte. Acusan aos populares de “mirar para outro lado, namentres a maleza invade o municipio e de facer caso omiso as reclamacións dos veciños e veciñas que viven unha situación límite”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio, Jesús Pereira, afirma que a situación que se vive no campo da feira de Cartelle “é insostible” e esíxelle ao goberno municipal “accións urxentes para a posta en valor e recuperación dunha zona de ocio en plena capital do concello”. O concelleiro socialista reclámalle a Sousa e Leyte que “se centren” e que comecen a “traballar dunha vez por todas por mellorar un municipio que abandonaron a súa sorte durante décadas”.

Pereira relata que Cartelle “non pode agardar dous anos ata as vindeiras eleccións para lavar a súa imaxe e rematar coas políticas de desleixo e abandono do Partido Popular”. O voceiro socialista afirma que “xa vai sendo hora de que os populares lembren cal é o seu papel e asuman as responsabilidades propias de gobernar un concello, entre as que se atopa o coidado e mantemento das zonas verdes e do patrimonio municipal para uso e desfrute dos veciños e veciñas”.

A situación do campo da feira de Cartelle afecta tamén a un local social que se atopa no mesmo recinto e que tal e como comprobaron os socialistas presenta un estado “lamentable”, con cristaleiras rotas, sucidade e que da unha imaxe a veciñanza e aos visitantes de “ausencia total de limpeza e mantemento”. Unha situación que segundo apunta “non é nova, xa que os cristais levan 4 anos nese mesmo estado sen que o Concello proceda a súa substitución”. Os socialistas esixen solucións con carácter de “urxencia” e piden “a fin dun xeito de facer política que consiste en mirar para outro lado e ignorar os problemas do municipio e as queixas da veciñanza”.

O PSdeG-PSOE de Cartelle lembra que levan meses denunciando o “abandono sistemático” do patrimonio e das áreas municipais e a “deixadez manifesta” do goberno do Partido Popular. Por estes motivos esixen, como xa reclamaron a través dunha moción no pleno, un plan de limpeza e mantemento para a posta en valor dos recursos municipais para permitir un correcto uso por parte da veciñanza. “As crianzas e a xente maior non pode empregar áreas recreativas como o campo da feira porque o perigo é notorio en cada recuncho debido a falta de coidados”, explica Jesús Pereira, que acusa aos populares de “optar por políticas destrutivas co único fin de rematar coa vida no rural”.