O BNG inicia unha ofensiva institucional contra a suba do recibo da auga que prepara a Xunta

Presentarán mocións tanto nos concellos como na Deputación para esixir a retirada do anteproxecto de Lei de mellora do ciclo integral da auga anunciado polo goberno galego.

O BNG inicia unha ofensiva institucional en contra do anteproxecto de Lei de mellora do ciclo integral da auga anunciado hai algunhas semanas pola Xunta de Galiza pois conlevará, de aprobarse, subas no recibo deste ben de primeira necesidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputado provincial Bernardo Varela, acompañado polo Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, anunciou a presentación de mocións nos plenos de novembro de ambas institucións para tentar frear dito anteproxecto. Segundo Varela, “con esta lei pode acontecer algo moi similar ao sucedido coa lei de termalismo se non se reformula e se fai un traballo previo de interlocución con todas as partes implicadas”.

Bernado Varela lembrou que no ano 2013 a Xunta asinou coa FEGAMP o Pacto Local da Auga “que tiña como finalidades estabelecer os criterios tarifarios e de planificación hidráulica cos concellos, facendo referencia ao reparto dos fondos derivados dos ingresos polo canon da auga”. Para Varela, “hoxe en día está todo por facer ou incumprido no referente a este Pacto da Auga, mentres a Xunta segue a impoñer impostos, taxas e obrigas aos Concellos”.

Segundo os nacionalistas, os obxectivos reais da nova lei poden resumirse en dous, “incrementar de xeito importante a carga fiscal da Xunta en relación ao ciclo da auga aos Concellos, ás entidades de xestión da auga e ás usuarias domésticas e asimilábeis, e derivar nas entidades locais, Concellos e Deputacións, as súas obrigas e competencias”.

Este Anteproxecto de Lei pretende incrementar o recadado polo canon da auga coa súa modificación establecendo unha nova cota e sancionando polas perdas nas redes de abastecemento ás entidades titulares. E fai isto “sen que por parte da Xunta se teña avanzado na planificación do abastecemento”. Varela afirma que “como se se tratase dunha broma pesada, faino nun ano no que vimos como as empresas eléctricas baleiraban impunemente os encoros galegos para lucrarse da nosa auga”.

Con estes tres cambios fiscais, canon da auga, canon de depuración e canon de colectores, a ollos do BNG, “a Xunta multiplica por tres a carga fiscal actual pola xestión do ciclo da auga sen que isto supoña ningunha mellora na súa xestión por parte do goberno galego”.

Desde o BNG denuncian tamén que a nova lei “Introduce condicións de financiamento e colaboración coas entidades locais en materia de abastecemento e saneamento arbitrarias, sen ter base nun estudo da realidade da xestión do ciclo da auga, sen ter en conta a capacidade económica dos municipios e sen incluír o esforzo orzamentario que levan feito os concellos nesta materia”. Ademais, “invade competencias doutras administracións ao pretender establecer mediante lei un sistema de financiamento a terzos, Deputacións, Concellos e Xunta, das infraestruturas hidráulicas nos concellos de menos de 20.000 habitantes”.

Un interese real por resolver un problema tan grave para Galiza como a xestión do ciclo da auga “precisa dunha actuación con altura de miras, con visión de país e con medidas reais para implicar a todos os actores involucrados na súa solución, Xunta, Entidades locais, comunidades de Augas, empresas, movemento asociativo e persoas usuarias, e nada deso hai por parte do Executivo galego”.

Consecuencia de todo o anterior, Bernardo Varela avanzou que solicitarán o apoio do resto de grupos políticos presentes nas institucións para “instar á Xunta de Galiza á paralización da tramitación do Anteproxecto de Mellora do Ciclo Integral da Auga e á elaboración dunha planificación integral da xestión do ciclo da auga en Galiza”.

Tamén para “instar á Xunta de Galiza a abrir un marco de negociación con todas as entidades implicadas na xestión do ciclo da auga para a elaboración desta planificación e para que o propio goberno galego, reclame do Estado a competencia sobre a totalidade do sistema hidrolóxico en Galiza”.