Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


O IRIXO “CAMIÑA POLA IGUALDADE”

AVANTAR ACTIVIDADES

ANDAINA SOLIDARIA ORGANIZADA POLO CONCELLO DO IRIXO EN COLABORACIÓN COA FEDERACIÓN PROVINCIAL DE MULLERES RURAIS DE OURENSE

Tal e como se viña anunciando, o pásado sábado 23 de outubro, un grupo abondo numeroso de persoas de dentro e de fóra do concello, nenos e adultos, presentáronse ás dez da mañá na explanada de acceso ao pavillón municipal do Irixo, onde estaba prevista a saída e a chegada da andaina, para inaugurar este itineraio  recentemente sinalizado polo concello do Irixo co nome de “RUTA DO CAMPO GRANDE”. Ademais, incluíase unha ruta infantil para que a familia puidese participar en ambas actividades, mentres os cativos quedaban a cargo da organización.

Mesa informaiva das actividades da FEMURO á entrada do Pavillón do Irixo

Ademais da actividade como tal, cuns obxectivos saudables preferentemente, tamén tiña un fin solidario, xa que na organización estaba implicada a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO), que  en 1998 “Xorde como un entidade sen ánimo de lucro para loitar de forma primordial pola promoción da muller rural en todos os ámbitos:social, económico, laboral. Aínda que sen esquecer os demais colectivos de persoas en situación ou risco de exclusión social”.

 O de entenderse como unha actividade saudable resúmese nun dos slógans da andaina. “Fai exercicio para todas as idades, e o de solidario en canto que, a recadación de 5 € por participante, se destinaría integramente á FEMURO.

 Unha vez sabidas as regras de participación, que a ruta conta cunha sinalización extraordinaria, o terreo perfectamente transitable, contarmos cun día outonal excepcional, só faltaba que os camiñantes contasen coa forzas necesarias para afrontar esta andaina de 14 Kilómetros que seguramente outras persoas levarán a cabo, aínda que non sexa en día sinalado como foi este.

 Se ben o primeiro obxectivo da andaina o podemos resumir nunha mellor calidade de vida baseada en “hábitos saudables a través do senderismo, a práctica deportiva na contorna natural”, non cabe dúbida que esta práctica non só é necesaria, senón que,ademais debe ir acompañada da posta en valor do Patrimonio material e inmaterial que chegou ata nós e que temos a responsabilidade de conservar e transmitir ás xeracións vindeiras.

 Sobre o patrimonio material que se pode contemplar neste percorrido, -que cadaquén pode facer ao seu ritmo- xa foi obxecto de atención nunha anterior colaboración publicada neste mesmo medio e ao que me remito, pero, despois de telo pateado e intercambiado impresións coa organización e persoas participantes aínda se poden engadir outras motivacións que teñen máis que ver co patrimonio inmaterial: paisaxe, flora, fauna, costumes,etc.

Na “Picada de Irixe”, as silvas semellan un xardín vertical natural

 Unha vez superada  a primeira dificultade por esa congostra entre  A Ponte e Irixe, paralela ao camiño de Vila, abeiramos algunha das antigas minas da contorna, cuxo conxunto o formaron ata oito explotacións. Xa no alto, ao pé dun cartel en estado case ilexible, aparece a primeira mámoa.

 Como o tempo apremia, e o acceso está impracticable, aínda que moi preto, déixase á dereita o muíño de Ríos ou de Vila, que presenta un bo estado de conservación, pois foi construído en 1940 e restaurado non hai moito tempo.

 De camiño cara aos Fieiros o grupo dá sinais de esparexamento porque,a costa, cada vez máis empinada, non perdoa.

Achegándose ao monte do Campo Grande, que dá nome á ruta

Desde o punto máis alto da ruta, cun día soleado e de luz extrordinaria, a paisaxe que se ofrece á vista do camiñante acada case todo o concello -agás aquelas partes máis baixas- e unha diversidade excepcional, nun terreo no que as primeiras augas que baixan polas “reghas” do monte son parte das que paseniñamente van engordar o Viñao ao seu paso polas Campinas e a Ponte Ferreira.

 Segundo nos contan, esta parte do monte comunal de varios lugares da parroquia do Campo é obxecto de interese para os cazadores, porque, predomina o monte baixo, e nalgunhas zonas estanse levando a cabo traballos de decrúa para aproveitamento forestal ou gandeiro, ademais de preservar algúns espazos para a fauna.

 O primeiro lugar habitado co que nos atopamos é o de Baxín, parroquia do Campo, que, precisamente, aproveitaba nunha especie de encoro, esas augas que baixan do Campo Grande e que algún dos camiñantes lembraba con nostalxía de cando se ían bañar, que o sol entraba de cheo e facilitaba que as augas permancesen tépedas.  

Sobre o resto dos motivos do patrimonio material dos lugares ou puntos de interese polos que transita a ruta xa se fixo mención a eles na colaboración anterior, e polo tanto, non vén ao caso, repetilos: A Esfarrapa, O Porto da Veiga, A Condomiña, As Laxas, Saavedra ou Orros. Só lembrarei aquí que para aqueles que queiran realizar a ruta de xeito máis demorado, que saiban que hai motivos suficientes para unha xornada completa con xantar ou merenda á sombra dalgúnha árbore de bosque de ribeira, carballo, castiñeiro, freixo ou  amieiro e, incluso a cuberto nalgún dese muíños que coas portas abertas poden acoller o camiñante e, algún cruceiro, sinal de que en tempo atrás ese traxecto fora cuberto a pé, a cabalo, ou, a ombros cos pés por diante.En varios puntos do traxecto a ruta coincide co “Roteiro dos Castros” do Irixo, que, á vez, se superpoñen o dos Arrieiros e O Camiño Real. 

Este día, unha sorpresa moi emotiva, especialmente para algúns, foi a de ser  aplaudidos  polo persoal e usuarios da “Residencia de maiores Pena da Sela”, cando pasabamos ao seu carón

En Saavedra o camiñante pode optar por continuar polo centro do lugar ou desviarse ata a vía

Paralela a esta avanza a ruta que, á altura da ponte de Detrás, podemos continuar en sentido Santiso ou A Pena da Sela, pero que, nesta ocasión, seguiremos o indicador “O Irixo” -mellor dito A Ponte- que nos dirixe ata a ponte de Dezau para cruzarmos o río e paralelo ao Viñao hai un carreiro que nos conduce ata Orros, onde se pode admirar o conxunto “sagrado” do lugar con cruceiro,capela, galiñeiro, campanile, e soleada residencia do que foi párroco da Cidá, Jose Loureiro Quiroga, alá pola metade do pasado século.

 Despois de salvarmos unha pequena encosta desde o río ata Orros, practicamente a partir de aquí ata a “meta”, o terreo é chan e case todo “asfaltado” . Nesta ocasión, no lugar de irmos directamente ata a Ponte -casa de Gabán-, a ruta propón continuar ata Irixe ao pé da fonte e da estrada que xa está moi preto do punto de partida: O Pavillón-Colexio Público Pena da Sela-O Irixo.

Estas son algunhas das mostras do patrimomio natural que se poden admirar nestes días de outono na “Ruta do Campo Grande” do Irixo

Xulio Doabrro Ferradás. O Irixo, 25 de outubro de 2021.


Outros artigos de Xulio Dobarro

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


VIDEO SPOT O IRIXO en BADAL TV