A maridaxe entre o viño do Ribeiro, a música, a poesía e a literatura dan forma á sétima edición do ciclo “Cata a Arte”

Catro adegas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia participarán nunha iniciativa que mantén o seu carácter solidario recollendo entre o público asistente donativos para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer 

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a presentación da sétima edición do ciclo “Cata a Arte”, organizado polo Consello Regulador do Ribeiro en colaboración coa Deputación de Ourense, e que este ano convidará ao público a unha maridaxe dos viños de catro adegas da denominación de orixe máis antiga de Galicia coa música, a poesía e a literatura. No acto de presentación das actividades participaron o vicepresidente da Deputación e responsable para asuntos do Ribeiro, César Fernández, e o presidente do consello regulador, Juan Manuel Casares, acompañados pola secretaria da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR), María del Carmen Pérez, entidade á que este ano o ciclo dedica o seu capítulo solidario, e o director do centro cultural, Francisco González. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Na quenda de intervencións, César Fernández destacou a “íntima relación que sempre tiveron o viño e maila arte, sobre todo cando se fala do Ribeiro, e que ademais neste ciclo incorpora unha compoñente social que a fai singular”. Juan Casares referiuse a esta iniciativa como “un evento senlleiro na política de promoción do consello regulador, non só dando a coñecer o produto estrela desta terra senón poñendo tamén en valor a nosa cultura”. Entre tanto, María del Carmen Pérez expresou o seu agradecemento en nome de AFAOR “por axudarnos a difundir a través desta actividade o labor que desenvolvemos na asociación”, que leva 26 anos traballando pola calidade de vida dos pacientes e apoiando a coidadores e familiares e á que estarán dirixidos os donativos recollidos entre os asistentes. 

“Cata a Arte” é unha das actividades que acolle o Centro Cultural Marcos Valcárcel “pola que pregunta máis xente”, afirmou o director deste espazo, Francisco González, apuntando neste sentido que a situación sanitaria pola pandemia aínda impide ter os aforos de anos anteriores, polo que as actividades limitaranse a 50 persoas, quedando as prazas cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.  

As catas, sempre a partir das 20.00 horas no Marcos Valcárcel, comezarán o xoves 4 de novembro con Arco da Vella e os viños da Adega de Eladio, xunto cun recital poético e de cancións do grupo Os Tarabelos. O 10 de novembro será o momento da cata de Nairoa, á que acompañará a música country e folk do grupo Os Forasteiros e unha proposta gastronómica. Continuará o ciclo o 18 de novembro coa cata de Vinos con Personalidad xunto coa música do Dúo Slastic. E para rematar, a Bodega Alanís será a protagonista da xornada do 2 de decembro, onde fará unha degustación do seu viño en harmonía co espectáculo musical de Queiman e Pousa.