Galiza necesita unha Interprofesional Láctea propia
Desde a Federación Rural Galega – FRUGA, queremos amosar o noso asombro coa actitude da INLAC, en relación a un recente estudo sobre a redución das emisións de carbono. Estudo publicado pola interprofesional láctea e elaborado polo Instituto de Investigación e Tecnoloxías Alimentarias. Curiosamente non se fai referencia á produción de leite na Galiza, cando somos a primeira zona tanto en número de explotacións (56% do total), como en litros producidos.
Dito estudo ten como obxectivo procurar as mellores técnicas disponíbeis para diminuír as emisións de gases derivadas das explotacións lácteas do Estado español, para o que se parte de facer un diagnostico da actual situación das ganderías do Estado, co fin de atopar as solucións correctoras a este problema.
O informe publicado pola INLAC fai un definición das explotacións lácteas do Estado en función do seu sistema de manexo e tamaño das mesmas. Segundo o mesmo, no “Estado español predominan as explotacións intensivas mediterráneas com mais de 500 animais, e en menor medida as que fan transhumancia en distintas épocas do ano”.
Desde logo este diagnóstico non se corresponde para nada coa realidade das explotación galegas. Xa que por unha banda temos as intensivas que producen a maior parte da seu forraxe na propia explotación, e por outra banda existen os sistemas de pastoreo combinados con producións forraxeiras, cunha parte importante da superficie adicada a pastos permanentes. Na Galiza o numero de explotacións que superan as 500 cabezas non é significativo.
Evidentemente cando se fai un diagnostico totalmente alleo á nosa realidade, as medidas a aplicar tamén van ser falidas. O cal indica o papel da interprofesional láctea española.
A representatividade dos gandeiros galegos na INLAC está atribuída a 3 centrais sindicais; ASAJA, COAG-SLG e UPA-UUAA, ademais do sector cooperativo.
Desde FRUGA queremos deixar ben claro que a INLAC non nos representa. Non defende con claridade o sector lácteo galego, tendo en conta ademais que algún gandeiro galego forma parte da Xunta Directiva desta interprofesional. Non podemos entender a posición das organizacións galegas representadas neste organismo, que ante un tema de tal magnitude prefiren mirar para outro lado. As veces preocúpanse mais do financiamento desta interprofesional que de representar ao sector lácteo galego. Por outra parte temos de manifestar que, a día de hoxe, non sabemos para que serve.
A Federación Rural Galega considera que Galiza ten que ter a súa propia interprofesional, que desde logo é quen mellor pode definir o futuro deste sector, e para elo a Xunta de Galiza, ten que empezar a mover ficha, do contrario sufriremos os efectos de medidas contrarias a nosa realidade e os nosos intereses.