O PSOE de Punxín solicita mellora salarial ás traballadoras do servizo de atención no fogar

O PSdeG-PSOE de Punxín solicita mellorar, canto antes, as condicións salariais das auxiliares do servizo de axuda no fogar (SAF) desde municipio ourensán. As concelleiras socialistas aseguran que, co incremento do financiamento anunciado pola Xunta, o Concello reducirá o gasto previsto para este servizo en 10.500 euros, polo que defenden que “este aforro se reinvista inmediatamente no propio servizo”, a través de “melloras” das retribucións que perciben as traballadoras.

Para Lorena Peleteiro, voceira do PSdeG-PSOE, “é hora de que o grupo de goberno valore o traballo das auxiliares de axuda no fogar e defendan, dunha vez por todas, unhas condicións laborais e salariais dignas para todas elas”. “É algo fundamental porque todo o mundo sabe que, unhas boas condicións laborais, axudan a impulsar e ofrecer un servizo máis eficaz e eficiente para atender ás persoas en situación de dependencia”, recorda.

AVANTAR ACTIVIDADES

As socialistas destacan que a aportación de recursos por parte da Xunta de Galicia “segue a ser mínima”, o que se traduce, como norma xeral, “nunhas precarias condicións laborais que sofren directamente as traballadoras, todas elas mulleres”. Estes feitos provocan que as empregadas do SAF de Punxín “teñan unha remuneración inferior á que marca o convenio colectivo, a pesar da gran carga de traballo que soportan”, algo que “se puido comprobar de forma especial durante os últimos meses”.

“É perentorio que este aforro económico se adique a mellorar as condicións de traballo e que o Goberno galego continúe a incrementar as aportacións autonómicas destinadas a financiar estes servizos municipais”, insisten. E que desde o PSdeG-PSOE recordan que o SAF é “unha desas competencias impropias, xa que corresponde ás administracións autonómica e estatal, pero que cada vez e de xeito máis preocupante, está a supoñer unha carga inasumible para os orzamentos” de entidades locais pequenas coma Punxín.

Desde o grupo socialista afirman tamén que “este servizo público debe ser sempre da maior calidade posible”, lembrando que “a continua precarización das condicións laborais, é unha pedra no camiño para acadar melloras”, algo que debe ser un “obxectivo prioritario” dun goberno local coma o de Punxín, ao ser un concello que “conta persoas que non se poden valer por si mesmas e dunha poboación envellecida”.