Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

Por Felipe-Senén

 A preocupación do historiador da Arte Manuel Chamoso Lamas (1907-1985) pola rehabilitación, revitalización e o estudo do patrimonio cultural estendíase máis alá dos grandes monumentos, gustaba igualmente das cousas pequenas, dos complementarios detalles artesanais ou desa arquitectura popular, funcional, que caracteriza e define bisbarras de Galiza. Chamoso teorizou  e fixo praxe sobre os Museos de Artes e Costumes Populares, mesmo se adiantou á teoría do ecomuseo, como espazos tradicionais rehabilitados e revitalizados pra manter os seus orixinarios sistemas de produción, por exemplo que un muiño siga moendo gran, que un forno que siga cocendo, unha ferrería forxando ferro, un carpinteiro de ribeira ensamblando estruturas para embarcacións ou que nunha adega e nos seus vellos pipotes siga madurando o viño… Así no II Congreso de Etnología y tradiciones populares  celebrado en Cordoba  1974, Chamoso Lamas tratou sobre a “Creación de Museos de Artes y Costumbres Populares en Galicia”: como o Museo do Mar en Combarro, o Museo da Montaña no Cebreiro, o Museo do Viño en Ribadavía, o Museo do Traxe en Betanzos ou o Museo das Peregrinacións en Compostela…A idea do historiador era,  a un tempo adquirir e rehabilitar construcións significativas, dotalas dos seus contidos orixinarios, así como formar a novos museólogos e educar ao público nestas cuestións, ademais cara  a un turismo que incluía os museos como un xeito de educar na cultura de Galicia con lecer.

AVANTAR ACTIVIDADES
Muiño de Moldes. Foto Chamoso Lamas

Xunto a isto Chamoso entendía imprescindible a creación de escolas artesanais e velaí como iniciativa súa e do arquitecto Rafael Fontoira Surís a creación duns espazos e dunha función que todo galego debe coñecer: a Escola de Canteiros de Poio, dependente da Deputación de Pontevedra, imprescindible pra restauración e tratamento da materia prima que caracteriza Galiza, as variedades de pedras, asunto ben sabido polo arquitecto Antonio Palacios, promotor das pedras de Galicia, dos artesáns e desa simbiose creativa a través da historia da arquitectura galega. Chamoso pensou e tramou a creación dunha Escola do Restauro, especializada na pedra e nisto colaborou co mestre canteiro e construtor San Martín Abelleira. Tampouco deixou de man a tradición da ourivería e o acibeche. Deste xeito rodeouse de arquitectos, de arqueólogos e historiadores da arte,  sumouse tamén aos presupostos e á misión dos seus vellos amigos do “Laboratorio de Formas de Galicia”, Seoane e Díaz Pardo respecto á idea arte-industria, tradición-modernidade.

Os Ribeiros entre as prioridades de Chamoso Lamas, o arquitecto Fernández Gago.

Neste ambiente, dende 1964 entra o arquitecto coruñés Carlos Fernández Gago Varela (1936-1999), colaborador íntimo de Chamoso, visitando os monumentos de toda Galiza, moitos deles entón en lugares sen camiños, coñecendo o estado da cuestión de sitios arqueolóxicos, de pequenas ermidas ou grandes mosteiros, catedrais, castelos ou pazos, construcións típicas de cidades antigas, comprobando as prioridades de Chamoso por Ribadavia, Muros, Tui, Betanzos e as cidades antigas galegas.

Moldes, muiño, detalle. Foto Chamoso Lamas

Informando e perfeccionando proxectos de rehabilitación, procurando o xeito de darlle seguridade e vista a contidos de valor cultural, especialmente deses obxectos litúrxicos  ou trebellos populares que corrían o risco de perderse, ocultos en sancristías e clausuras. Non esquecemos a intensa colaboración de Chamoso e de Fernández  Gago coa comunidade de  frades de Oseira, en especial co enxeñoso Fr. Juan María Vázquez en quen mostraron toda a confianza para unha voluntariosa reconstrución do mosteiro. Ao respecto do devandito Fernandez Gago ten en “Abrente”, a revista da Academia G. de Belas Artes (num. 25, 1993) un breve pero moi sentido e interesante traballo “ Chamoso Lamas y la arquitectura popular en Galicia”. Páxinas nas que se reafirma esa querenza do historiador pola súa terra de orixe e por esas mostras da arte e da arquitectura popular, entre ela os Muíños do Arenteiro en Moldes (Boborás).

Moldes, muiños e Aurelio o muiñeiro Foto Chamoso Lamas

Chamoso coidaba que o topónimo do seu Moldes natal derivara dun “molendis”, quizais en relación con estes muíños ou outros máis antigos. Ao respecto deles mesmo ampliou a area de protección do Castro na que se asenta a igrexa de San Mamede a este paraxe do Ribeiro do Arenteiro, a fin de ser declarado Monumento Nacional (hoxe Ben de Interese Cultural) por decreto do 5 de abril de 1946. Chamoso contextualizaba a importancia destes paraxes en relación cos camiños de Cavadoso,  núcleo na xurisdición medieval de Orcellón, límite coa veciña de Castela. Terras ademais caracterizadas nos anos da independencia polas guerrillas contra os franceses.

Tramo do Arenteiro entre o Carballiño e Pazos de Arenteiro, entre a Torre de Godás e o Casyelo de Cavadoso, ben coñecido polos pescadores: aquí atravesado por pintorescas pontes medievais, como a  da Pontarriza, que nas súas ribeiras desta area mostra algunhas fontes termais, sulfurosas e que ademais nas súas revoltas e  areais mostra ese espécime de ameixas de río, máis parecidas a mexillóns….e que corren risco de desaparecer… Río, noutrora atravesado nas inmediacións dos referidos muíños e cara á parroquia de San Pedro do Bouteiro por outra ponte medieval, derrubada pouco a pouco polas cheas dos anos sesenta…para ser suplida por improvisadas pasarelas de madeira. Non lonxe está o castro e castelo de Cavadoso pra despois meterse entre grandes penedas que moldea en pozos e fervenzas como o Puzo dos Fumes e atravesar as pontes de Pazos de Arenteiro onde verte e se confunde co Avia.

Muiño Moldes 3, foto Chamoso Lamas

 Aceas e muíños de Moldes chantado entre lameiros e carballeiras, propiedade da familia carballiñesa Ramos. Muíños adquiridos entrados os  anos setenta, por FENOSA ao seu anterior propietario, “O Bolo” de Paradela, afectados pola ampliación do encoro construído no 1948 preto do Bouteiro  pola empresa eléctrica CHEDA.  Paraxes entre as preferidas, dende a infancia por Chamoso  para os poucos momentos de acougo familiar, as que debuxaba, practicando así unha vella querenza aprendida de Castelao nos anos de estudo en Pontevedra. Debuxos que podía acompañar cunha breve narración na que non faltaba a interacción panteísta entre a paisaxe e a paisanaxe.

 Os sistemas de produción mudan aceleradamente , desaparecen centros de produción artesanal, como batáns, ferrerías, alpendres de feira, adegas cos seus lagares, almazaras de aceite, talleres de oleiros….a arquitectura do pan vese danada: hórreos, eiras, muíños, fornos…..  Os muíños de Moldes, son simples, lembran o desaparecido nos anos setenta no barrio de Toscaña, no Carballiño, si ben este  estaban complementados cunha curiosa casa de muiñeiro, parada e fonda de arrieiros, da que non quedou vestixio, a non ser unhas fotos para postal e cromo do gran fotógrafo Ksado.

Muíños Moldes (Plano Fdz Gago)

Fernandez Gago insiste que estes muíños aínda non sendo unha obra modélica, a súa recuperación faise seu contexto paisaxístico, histórico e cultural: sendo mostra dunha arquitectura a pedra seca, moi antiga en tradición e que se perde aceleradamente, pese a declaracións do seu interese e mesmo inventarios e leis de protección. Muíños sen electricidade, alumeados entón por candieiros, os que aínda se conservaban e que vimos, complementados con todos os útiles para seguir producindo como ecomuseo.  Muiño que se reconstruíu baixo a dirección de Fernández Gago e de Chamoso  e con moi pouco coste, refacéndose as canles, as pasarelas, acudindo a canteiros e carpinteiros da zona, implicados e ilusionados co traballo encomendado, repoñendo en orixe as estruturas de madeira, vigas e portas…carpintería que mesmo tiña gravadas a navalla ou a fouciña marcas que facían referencia ás quendas das maquias: sucesións de liñas pechadas, en paralelo, a imaxe de escada… Marcas que que Chamoso interpretaba. Coñecemos aos derradeiros muiñeiros, Aurelio, natural de Veiga e á súa muller Amelia, veciños Pontarriza, os que cedo, pola mañá, subían as vacas a pastar naqueles lameiros e  mesmo preparaban o xantar no muiño. Muiñeiro moi satisfeito cun idea de Chamoso que daba cima aos seus ideais.

Pasados os anos, o desinterese dos poderes públicos, da mesma xente, as cheas do río, fan do lugar un triste pardiñeiro, iso si cargado de lembranzas que tamén esvaecen.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño